O Concello xa dispón do permiso de Cultura para acondicionar a finca situada fronte á entrada principal do HULA

Luns, 28 de febreiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo xa dispón do permiso de Cultura para acondicionar o terreo situado fronte ó Hospital. O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González, anunciou que unha vez obtido o permiso, que establece unha protección de cinco metros no contorno dos restos arqueolóxicos existentes na zona, “imos empezar acondicionar a finca”.

Lino González reprochoulle á Xunta que desde onte comezara a cobrar por aparcar no Hospital. O Concelleiro manifestou que “xa se produciu a incautación dos terreos” e lembrou que o solar foi cedido por todos os lucenses para facilitar a construción do novo Hospital polo que “nos parece terriblemente inxusto que agora se cobre por aparcar”.

Para o Concelleiro, a rebaixa nas tarifas coa que se estrenou o cobro no aparcamento do Hospital só pode obedecer a que “antes fixeron mal os cálculos ou a que esta rebaixa se vai manter só ata as eleccións”.

González Dopeso tamén amosou a súa sorpresa porque neste tempo de escaseza “no que se aforra ata nos medicamentos se lle envíe unha rosa ás parturientas”.

“Iso é un despilfarro innecesario por parte da Xerencia do Hospital nos tempos que corren”, dixo o Concelleiro que tamén reclamou a mellora do servizo de información para facilitar o tránsito ós usuarios que acoden ó Hospital dada a gran amplitude do edificio.

Multimedia

Noticias relacionadas