O Concello valoriza o patrimonio monumental da cidade cunha coidada publicación sobre a historia do Cuartel de San Fernando

Carmen Basadre, Darío Xohán Cabana e Xabier Louzao presentaron a obra, “que queremos que sirva, non só para o coñecemento dunha obra arquitectónica, senón tamén para crear un estado de opinión cidadá sobre o seu futuro como Museo da Romanización de Galicia”, subliñou a Concelleira

Xoves, 20 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello valoriza o patrimonio monumental da cidade cunha coidada publicación sobre a historia do Cuartel de San Fernando

O Concello de Lugo valoriza o patrimonio monumental da cidade cunha coidada e detallada publicación sobre a historia do Cuartel de San Fernando, na que o autor, o profesor lucense Francisco Xabier Louzao Martínez, tamén aborda o uso futuro do edificio. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o coordinador de Publicacións do Concello, Darío Xohán Cabana, e Xabier Louzao presentaron a obra esta tarde, no auditorio do Vello Cárcere, un acto ao que asistiron máis de 60 persoas.

“Este é un libro vivo, comprometido con Lugo e co edificio do Cuartel de San Fernando, e queremos que a súa publicación sirva, non só para o coñecemento histórico dunha obra arquitectónica, senlleira, senón tamén para crear un estado de concienciación, de opinión cidadá, sobre o seu futuro”, subliñou a Concelleira de Cultura. “Conservamos a esperanza de velo transformado no museo arqueolóxico galaico romano”, engadiu Carmen Basadre, quen subliñou a vontade do Concello de “difundir, na medida das nosas posibilidades, obras de investigadores e estudosos sobre o noso patrimonio histórico, arqueolóxico, monumental e urbanístico coma esta”.

Darío Xohan Cabana invitou ao auditorio a reflexionar sobre a importancia do Cuartel de San Fernando. “Se o Vello Cárcere está empezando a cumprir unha función cultural extraordinaria para Lugo, o futuro do edificio do cuartel pode cumprir unha función moi importante para a cultura de Lugo, de Galicia, pero tamén para o turismo e para o desenvolvemento económico da cidade porque un Museo da Romanización en Lugo reforza dunha maneira perfecta o patrimonio arqueolóxico da cidade”.

Pola súa banda, o autor agradeceu ao Concello a publicación da obra, para cuxa realización tivo que revisar moi abundante documentación que lle deparou “moitas sorpresas”, indicou. Louzao fixo na súa intervención un relato sobre as características arquitectónicas do Cuartel e o seu entorno, e sobre as súas sucesivas reformas mentres cumpriu as súas funcións militares, ademais de abordar o seu uso futuro, dende que ao remate do pasado milenio os grandes cambios organizativos do exército volveron innecesario para el o histórico edificio.

Francisco Xabier Louzao é licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago e doutor en Xeografía e Historia pola mesma Universidade, cunha tese sobre pratería sacra da diocese de Lugo, materia sobre a que publicou diversos artigos e libros. É autor de diversos estudos sobre a arquitectura popular galega, e recentemente do libro Historia de la Arquitectura en Galicia: del Neoclasicismo a la Autarquía. Na actualidade, é profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

Multimedia

Noticias relacionadas