O Concello organiza o vernes unha visita á cafetería do Vello Cárcere, a licitación por 2.000 euros mensuais

O punto de encontro para as persoas interesadas en participar neste procedemento público é a entrada principal do edificio, ás 11:15 horas

O prazo para presentar ofertas está aberto ata o 8 de agosto, e a explotación do servizo de cafetería será por un período de 5 anos

Mércores, 18 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo organiza para este venres, 20 de xullo, unha visita aberta á cafetería do Vello Cárcere, para que as posibles persoas licitadoras coñezan in situ tanto as súas instalacións, como o centro sociocultural. Será a partir das 11:15 horas e o punto de encontro é a entrada principal do edificio, na recepeción do centro, dende onde un técnico municipal acompañará ás e aos asistentes, respondendo a todas as súas cuestións.

O prazo para presentar ofertas está aberto ata o 8 de agosto, e a explotación do servizo de cafetería-restaurante será por un período de 5 anos, prorrogale anualmente ata dez, e un importe mínimo de canon a satisfacer ao Concello de 2.000 euros ao mes.

O servizo de cafetería poderá prestarse todos os días do ano, en horario de oito da mañá ás doce da noite ou respectando o horario autorizado para este tipo de actividade en cada momento pola lexislación se este forma menor. Deberá ofertar menús variados, así como un menú do día, que incluirá primeiro e segundo prato, sobremesa e bebida a elixir. Así mesmo, deberá incluír na carta produtos que conten coa cualificación de Comercio Xusto, un menú elaborado con alimentos procedentes da Agricultura Ecolóxica e un menú completo adaptado para persoas celíacas. As comidas serán elaboradas pola adxudicataria na propia cociña do centro e non poderán dispoñerse máquinas expendedoras nin máquinas de xogos de ningún tipo.

A cafetería está equipada con 16 mesas e 32 cadeiras no espazo xeral das instalacións, 8 cadeiras altas na barra, 4 mesas e 8 cadeiras altas na zona da fiestra fronte á barra, e 8 mesas e 24 cadeiras na terraza. Será por conta da empresa adxudicataria a instalación de toda a maquinaria, ferramenta e aparellos necesarios para o desenvolvemento da actividades.

Audio

Noticias relacionadas