O Concello estrea o renovado campo de fútbol López Gorgoso cun torneo feminino

O recinto loce novo céspede artificial grazas a un convenio xestionado polo Goberno municipal coa Deputación, que, cun importe de medio millón de euros, incluíu tamén a renovación do campo da Cheda, igualmente rematado

Luns, 08 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello estrea o renovado campo de fútbol López Gorgoso cun torneo feminino

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o voceiro municipal e Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, asistirán esta tarde ao Torneo San Froilán de Fútbol Feminino, un partido organizado polo Concello no campo de fútbol López Gorgoso, en Frigsa, con motivo da estrea do renovado céspede artificial do recinto deportivo. A mellora das instalacións foi posible grazas a un convenio xestionado polo Goberno municipal co da Deputación, que cun importe total de medio millón de euros, inclúe tamén a renovación do campo da Cheda, igualmente rematado. O partido organizado para esta tarde disputarano A Milagrosa Feminino e Friol Lugo B.

Lara Méndez subliñou que "hoxe é un día importante para o deporte base lucense", pois estas obras, ademais de satisfacer unha demanda de moitos xogadores e afeccionados, "vannos permitir gañar en comodidade e seguridade nun deporte que practican numerosos lucenses, nenos e maiores”. Polos campos de fútbol municipais pasan unha media de 500 persoas ao día –só polo da Cheda, máis de 150-, entre adestramentos e competicións a nivel federativo, deporte base e veteranos, o que dá boa conta “do gran impacto social que terán as actuacións acometidas”, subliñou a rexedora.

A Alcaldesa agradeceu “a sensibilidade e apoio” que sempre amosa a Deputación cara a cidade de Lugo, o que se traduciu neste convenio para a mellora dos campos de fútbol municipais, pero tamén noutros proxectos conxuntos que xa están en marcha, como a humanización da avenida Duquesa de Lugo, cun investimento de 1 millón de euros, o Plan Único, con 1M€ de achega entre o pasado ano e este, ou o alumeado do Paseo do Rato, adxudicado por 750.000€, entre outras moitas colaboracións.

A maiores destas melloras que se acometerán en colaboración coa Deputación, o Goberno local, prevé renovar o céspede do campo das Gándaras I, colocado no ano 2008. Deste xeito, para unha vindeira fase, restarán os das Gándaras II e Polvorín.

A Alcaldesa destacou o compromiso do Concello co deporte, ao que destina máis de 3 millóns de euros ao ano no orzamento, porque favorece un estilo de vida san, inculca valores e dinamiza a vida social e económica de Lugo.

Multimedia

  • O Concello estrea o renovado campo de fútbol López Gorgoso cun torneo feminino

Noticias relacionadas