O Concello e a deputación de Lugo homenaxean a todas as persoas represaliadas polo franquismo no día da Galiza Mártir

 Maite Ferreiro: "hoxe mantemos viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais"

A conmemoración do Día da Galiza Mártir foi instaurada en 1942 en Bos Aires, polos galegos no exilio, na honra de Alexandre Bóveda, fusilado polos fascistas na Caeira, en Poio, no 1936.

Martes, 17 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello e a deputación de Lugo homenaxean a todas as persoas represaliadas polo franquismo no día da Galiza Mártir

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, encargouse hoxe de levar a cabo a homenaxe institucional que realizaron o concello e a deputación de Lugo polo día da Galiza Mártir a todas as persoas represaliadas polo franquismo. No acto, que tivo lugar no Vello Cárcere, Maite Ferreiro afirmou que "hoxe mantemos viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais". Durante o acto, Maite Ferreiro leu o manifesto elaborado pola fundación Alexandre Bóveda para o día da Galiza Mártir de 2021.

"Tivo que ser no exilio, en Bos Aires, onde a Irmandade Galega instaurou o 17 de agosto como día da Galiza Mártir, coincidindo coa data do fusilamento de Alexandre Bóveda no monte de Caeira", declarou o deputado provincial de Memoria Histórica, Efrén Castro, que engadiu "as institucións públicas debemos honrar a todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego".

Con esta acción desde o Concello e a Deputación de Lugo preténdese dar un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do pobo galego.

O Concello de Lugo acordou institucionalizar a celebración do Día da Galiza Mártir en febreiro do ano 2020, e desde a área de Cultura realizouse a primeira homenaxe o 17 de agosto nese ano.

A área de Memoria Histórica da Deputación de Lugo, creada de forma específica en 2019, xa promovera a celebración institucional desta data o ano pasado, cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, en Sarria, a carón da placa que lembra ás vitimas do franquismo na comarca. Nese mesmo ano, retiráronse dos corredores do Pazo de San Marcos os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo durante a ditadura.

Día da Galiza Martir

A primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e politicamente foi dentro do marco constitucional da IIª República Española, coa abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía galego o 28 de Xuño de 1936.

Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIª República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas en Febreiro do mesmo ano de 1936, gañadas polo Frente Popular.

Logo desta sublevación anticonstitucional e antidemocrática, milleiros de persoas, foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio, onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galiza e no Estado Español.

Castelao, figura emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum "Galicia Mártir" a todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a Guerra de España. A máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento político, o libro "Sempre en Galiza", e máis a quen el ergueu á categoría de símbolo de todas no seu discurso "Alba de Gloria", foi Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira (Poio) o 17 de Agosto de 1936.

Manifesto día da Galiza Mártir 2021

"Bo e orgulloso día a todas e todos. Neste 85 aniversario, é unha honra seguirmos eiquí. Celebrando e reclamando, nesta simbólica data que vai moito máis aló da figura de Alexandro. Hoxe, no cotiá, nin se percibe o sacrificio e de milleiros de galegas e galegos que precisaron loitar e dar as vidas pra chegarmos á sociedade que desfrutamos.

Pois ao igual que a simbolización desta homenaxe é importante, unha simboloxía deste calado e con tantos motivos como mártires temos, precisa da institucionalización á que vén de sumarse a Deputación de Lugo, contribuindo á que a reclamación de Verdade, Xustiza , Reparación e non repetición, chegue a priorizar unhas políticas públicas de Memoria. Agardamos non demoren as outras dúas restantes. Tampouco o resto de quen se diga galeguista e teña goberno para facelo.

Se queremos un futuro distinto, precisamos dunha memoria distinta, tanto na sociedade como nas administracións. E iso tamén se simboliza.

85 anos e as túas herdeiras eiquí estamos, construíndo convosco en clave de Bóveda, as bases das que o tempo sempre precisa para un futuro mellor.

Un futuro de transparente verdade sobre a opaca mentira que teiman en facer voltar.

Grazas a todas e todos, caros irmáns.

Grazas, e parabéns por elixir ser o perenne e cinguido verdor que tingue ao caduco gris.

Grazas a todas por estar eiquí, axudando a comprender e construir a simboloxía do futuro.

79 anos de debidas e merecidas grazas."

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a memoria histórica | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello e a deputación de Lugo homenaxean a todas as persoas represaliadas polo franquismo no día da Galiza Mártir

Noticias relacionadas