O Concello difunde o patrimonio lucense nun seminario de turismo de Florencia

Carmen Basadre subliñou a “excelente oportunidade” que supón este seminario para dar a coñecer o patrimonio da cidade nun país que no 2015 achegou a Lugo o 10% do total dos turistas estranxeiros

Xoves, 10 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de participar en Florencia nun seminario internacional sobre comunicación urbana para difundir o turismo cultural nas cidades históricas, organizado polo Comité de ICOMOS Italia. No foro, a entidade local abordou o tema da aplicación das novas tecnoloxías na difusión do patrimonio lucense. Neste senso, mostráronse as experiencias que nesta cuestión vén desenvolvendo o Concello nos últimos anos, como o proxecto Muralla Digital.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre subliñou a “excelente oportunidade” que supón este seminario, de caracter internacional, para dar a coñecer e promover o patrimonio da cidade nun país que no pasado 2015 achegou a Lugo o 10% do total dos turistas estranxeiros. Neste senso, a edil mostrouse convencida do potencial que ten o turismo para a valorización do patrimonio da cidade, ao tempo que lembrou a aparición de Lugo nunha revista italiana, Archeologia Sotterranea.

O seminario tivo como obxectivo fundamental analizar como se transmite a información da historia urbana nos centros históricos e como esta información debe ser tratada para que tanto os cidadáns como os visitantes ocasionais ou os turistas poidan gozar do coñecemento profundo do centro histórico. Para iso organizáronse catro seccións nas que se abordaron cuestións como o turismo creativo e cultural, a difusión da nova información, a innovación  tecnolóxica da información e a metodoloxía de comunicación do territorio e do sistema de información do centro histórico.

Audio

Noticias relacionadas