O Concello de Lugo ultima un Plan de recollida de aceites

Venres, 06 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, anunciou que a súa Concellería está a ultimar un novo Plan de Recollida de Aceites que se porá en marcha, previsiblemente, no verán.

O Concelleiro explicou que “se adquiriron xa  70 colectores, de 240 litros de capacidade cada un, e que ubicaremos en cerca de 40 supermercados de toda a cidade, incluíndo áreas comerciais e a praza de abastos municipal”, e indicou que “xa houbo uns primeiros contactos cos supermercados da cidade agora volveremos a falar con eles para saber si se suman ao plan de recollida”.

González Dopeso explicou que “se instalarán os contenedores no interior xa que non cremos que a colocación no exterior sexa unha boa medida e por iso estudamos outras alternativas ata chegar a esta opción”.

A Concellería de Medio Ambiente facilitará 25.000 embudos a os veciños e veciñas que os soliciten no Concello ou nalgún dos centros adheridos ao Plan de maneira gratuíta. Segundo o Concelleiro, estes embudos están adaptados ás botellas de refresco grandes que teñan paso de rosca normativizado nas que poderán gardar o aceite usado.

Neste momento o Concello está a xestionar a empresa que se vai encargar da recollida do aceite con coste cero para a administración local e, polo tanto, para os lucenses.

O obxectivo é facilitar á cidadanía unha forma ecolóxica e non contaminante para desfacerse do aceite usado, un gran contaminante da auga ao formar unha película de grasa na superficie e que dificulta enormemente o seu proceso de depuración.

O Concelleiro pediu aos lucenses a súa colaboración neste proceso e reducir así ao mínimo os danos medioambientais que producen o desfacerse do aceite mediante os desagües.

Multimedia

Noticias relacionadas