O Concello de Lugo recibe máis de 400 solicitudes de composteiros individuais no marco da campaña de fomento da compostaxe no rural

Lugo consolídase como unha das cidades que máis incrementou a reciclaxe nos dous últimos anos, moi por riba da media galega e estatal.

A iniciativa municipal está a ter unha excelente acollida, con encontros xa celebrados en parroquias como Tirimol, Conturiz e Bazar, e programados próximamente noutros núcleos como o barrio da Ponte.

Miguel Fernández destaca que “o compromiso das parroquias coa compostaxe é fundamental para avanzar nun Lugo máis sostible e respectuoso co medio”.

Martes, 29 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo recibe máis de 400 solicitudes de composteiros individuais no marco da campaña de fomento da compostaxe no rural

O Concello de Lugo continúa avanzando na súa aposta pola reciclaxe da materia orgánica a través da campaña de distribución de composteiros individuais no rural, que está a ter unha gran resposta cidadá. Ata o de agora, xa se recibiron máis de 400 solicitudes para participar na iniciativa, impulsada pola área de Transición Ecolóxica que dirixe o alcalde, Miguel Fernández.

A campaña insírese no marco dun contexto de avance sostido en materia de reciclaxe no municipio, onde Lugo destaca como unha das cidades que máis incrementou a recollida de residuos nos dous últimos anos: un 48,9% en papel e cartón fronte ao 8,76% de media galega, e un 32,8% no colector amarelo fronte ao 6,8% de media autonómica. Tamén en comparación co Estado, os datos sitúan a Lugo moi por riba, confirmando unha tendencia de crecemento que avala o esforzo colectivo da veciñanza e o bo funcionamento dos servizos municipais.

O rexedor subliñou que “o compromiso das parroquias coa compostaxe é fundamental para avanzar nun Lugo máis sostible e respectuoso co medio ambiente, completando o ciclo dos residuos e reducindo a fracción resto”.

A campaña arrancou cun primeiro encontro no Centro de Convivencia de Fingoi, no que participaron preto de 40 pedáneos e pedáneas, nunha reunión “moi útil para reforzar o traballo coordinado entre o Concello e as parroquias, abordar as necesidades máis inmediatas do rural e seguir mellorando servizos básicos como o mantemento, a limpeza ou a recollida de residuos”.

Desde entón, xa se desenvolveron reunións informativas en parroquias como Tirimol, Conturiz ou Bazar, e están programadas próximamente novas sesións noutros puntos como o barrio da Ponte, co obxectivo de seguir implicando á veciñanza no uso dos composteiros.

As persoas interesadas poden solicitar o seu composteiro de forma gratuíta a través das canles habituais de Ecolugo: na oficina situada na rúa Clérigos, 7; no teléfono gratuíto 900 909 671; a través da web lucelugo.gal, da app bitPAYT ou do WhatsApp 982 043 093.

O Concello lembra que a compostaxe é sinxela: consiste en depositar no composteiro restos orgánicos como vexetais, froita, pos de café, pan ou restos de xardinería, evitando residuos como carne, peixe ou produtos elaborados. As unidades entregadas veñen acompañadas dunha guía de uso para facilitar a súa correcta utilización.

A Área de Transición Ecolóxica anima a todas as persoas interesadas a sumarse a esta iniciativa, lembrando que aínda hai unidades dispoñibles para quen así o desexe.

Multimedia

  • O Concello de Lugo recibe máis de 400 solicitudes de composteiros individuais no marco da campaña de fomento da compostaxe no rural

Noticias relacionadas