O Concello de Lugo recibe en Vigo o premio á Mellor Entidade Pública pola súa xestión de proxectos e infraestruturas deportivas

O xurado recoñece o traballo que desenvolve a administración local para promover e de-senvolver prácticas deportivas como un eixo vertebrador do modelo de cidade.

A alcaldesa, Lara Méndez, recollía este venres o galardón na sede de AFUNDACIÓN de Vigo.

Venres, 04 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo recibe en Vigo o premio á Mellor Entidade Pública pola súa xestión de proxectos e infraestruturas deportivas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Deportes, Mauricio Repetto, recolleu este venres en Vigo o premio que a Sociedade Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) outorga ao Concello de Lugo na categoría de “Mellor entidade pública galega’. Esta galardónentrégase a municipios de máis de 15.000 habitantes ou outras institucións públicas “pola xestión de plans ou proxectos de actividades, espazos ou infraestruturas e calquera outro recurso que contribúa á mellora e desenvolvemento da deporte no ámbito territorial da súa competencia”.

O galardón recoñece o traballo que vén desenvolvendo o Concello lucense ao longo dos últimos anos, “un labor inxente no relativo á promoción, desenvolvemento e difusión do Deporte como eixo vertebral do noso modelo de cidade. Impulsando a práctica do deporte como recreación, divertimento e complemento fundamental da formación integral durante todo o ano, tanto en períodos lectivos, como en fins de semana e épocas de vacacións”, incidiu a rexedora.

Lugo, pode presumir, apuntou Mauricio Repetto, de ser “a cidade galega que dispón de máis e mellores instalacións públicas para todo tipo de prácticas deportivas, o que é realmente importante para potenciar o deporte base”.

Entre os méritos valorados, o xurado tivo en conta a ampliación das dotacións ao longo do municipio, así como a promoción da práctica deportiva como un instrumento para a adquisición de valores tales como a solidariedade, a colaboración, o diálogo, a tolerancia, a non discriminación, a igualdade entre sexos, a deportividade e o xogo limpo, promovendo a implicación e a activa participación das familias para o desenvolvemento das diferentes actividades, a través das asociacións ou clubs.

Así mesmo, se tiveron en conta os programas deportivos con gran aceptación entre a poboación, como o circuíto de carreiras ‘Corre con Nós’ que, dende hai máis de 20 anos, saca á rúa a grandes e pequenos levando o deporte popular polos barrios de Lugo; os proxectos de formación e sensibilización dunha vida saudable para a poboación e o apoio aos clubs deportivos da cidade, incrementando anualmente as axudas económicas que se achegan coas subvencións municipais e o apoio aos talentos deportivos que xorden cada ano para que poidan compaxinar
estudos e adestramento.

“Todo este traballo, realizado ao longo destes anos, deu como resultado ser unha das cidades de España con maior presenza de equipos na máxima categoría deportiva nacional: o CB Breogán, presente na Liga ACB; o CD Lugo de Segunda División da liga Profesional; o Ensino competindo na máxima competición de baloncesto feminino nacional; o club EMEVE, presente na máxima categoría do Voleibol Nacional nas súas categorías masculina e feminina. Sen esquecer a deportistas de talla mundial como son Jorge Prado, Adiaratou Iglesias, etc”, sostivo Repetto.

A Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE), entre as súas actividades, convoca anualmente os Premios Galicia á Xestión Deportiva para distinguir a persoas e entidades que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento e excelencia da xestión deportiva do sec-
tor público e privado en Galicia.

O xurado deste XII Premios, presidido por Eduardo Blanco Pereira, está conformado por representantes da Secretaría Xeral para o Deporte, Facultade de Ciencias do Deporte e a E. F. (UDC), Federación Galega de Municipios e Provincias, Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (UVIGO), Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física de Galicia, Federación Galega de Prensa Deportiva, Unión de Federacións Deportivas de Galicia e Asociación Galega de Xestión Deportiva.

Multimedia

  • O Concello de Lugo recibe en Vigo o premio á Mellor Entidade Pública pola súa xestión de proxectos e infraestruturas deportivas
  • El Ayuntamiento de Lugo recibe en Vigo el premio a la Mejor Entidad Pública por su gestión de proyectos e infraestructuras deportivas

Noticias relacionadas