O Concello de Lugo pídelle á Xunta "a mesma implicación co Novo Hospital que a do Goberno Local e o compromiso firme de que abrirá na data prevista"

Xoves, 06 de agosto de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* Solicítalle ao Executivo galego que axilice os prazos para cumprir co compromiso adquirido polo anterior Goberno
* O Concello de Lugo realiza un investimento de preto de 3,5 millóns de euros nos accesos á infraestrutura
* Destaca que as actuacións a realizar polo Concello marchan a bo ritmo e estarán rematadas en prazo

A Concelleira de Economía e Emprego e Alcaldesa en funcións, Sonia Méndez, pediulle hoxe ao Goberno galego “a mesma implicación que a do Concello de Lugo co Novo Hospital e o compromiso firme de que abrirá na data prevista”. Así o salientou esta mañá logo dunha visita ás obras que está executando o Concello de Lugo de acondicionamento dos viais perimetrais do Novo Hospital e dos accesos de comunicación da ronda Este coa nova urbanización.

A Concelleira de Economía e Emprego, que estivo acompañada na visita pola Delegada de Urbanismo do Concello, María Novo, deu conta da “gran implicación” do Goberno Local coa obra, “unha das dotacións máis importantes que vai ter Lugo nos próximos anos”. Neste sentido, solicitoulle á Xunta o mesmo compromiso co Novo Hospital que o adquirido polo Concello de Lugo, polo que lle pediu ao Goberno de Núñez Feijóo que “axilice as obras e cumpra cos prazos adquiridos polo anterior Goberno”.

Tal e como explicou Sonia Méndez, as obras acometidas polo Concello de Lugo “marchan a bo ritmo” e estarán rematadas no prazo previsto, no último trimestre de 2009.

Así mesmo, Sonia Méndez reiterou a petición feita polo Goberno Local á Xunta de Galicia na que se insta a por en marcha un plan semellante ao Plan E do Executivo Estatal que dote aos concellos de financiación para acometer obras.

Plan de choque
A Concelleira de Economía e Emprego convida aos membros do PPdeG con representación no Concello a que expliquen en qué se concreta o plan de choque da Xunta de Galicia para Lugo. “Un plan no que o Concello de Lugo e os seus cidadáns non aparecen mencionados”, incidiu.

Visita aos accesos do Novo Hospital

Sonia Méndez explicou que o Concello está acometer obras de acceso ao Novo Hospital por un valor de preto de 3,5 millóns de euros. Así, as actuación que se están desenvolvendo refírense á urbanización dos viais perimetrais de acceso á parcela do Novo Hospital, así como a construcción de dous accesos ao complexo desde as glorietas da Ronda Este ata os viais perimetrais.

Ademais, o Concello de Lugo previamente desenvolveu diferentes actuacións por un importe de 1,8 millóns de euros para achegar os servizos á parcela do novo hospital. Foi unha actuación na pista Galegos que posibilitou o saneamento e abastecemento no vial, como paso previo para dotar de servizos á nova parcela do hospital. A maiores, o Concello de Lugo cedeu a parcela para a realización do inmoble.

A lonxitude total dos viais incluídos nesta actuación é de 1.145 metros liñais, con dúas glorietas intermedia na zona sur. Trátase de viais de 24 metros de ancho, con aceras en ambas marxes de 3m de ancho, aparcamento en liña en ambas marxes e catro carrís de circulación (dous carrís por sentido).

Nos viais executouse unha rede de saneamento unitaria, que continúa por Galegos e posteriormente conéctase aos novos colectores xerais do Rato. O abastecemento ao hospital queda garantido mediante a execución dunha nova rede de abastecemento cun bombeo intermedio, que suministrará a presión suficiente para asegurar o suministro ao novo hospital. A actuación complétase coa execución das instalacións de alumeado público, colocando farolas nas dúas marxes da calzada.

Trátase dunha actuación financaida integramente polo Cocnello de Lugo. O orzamento base de licitación das obras ascende a 2.396.792 euros.

A segunda das obras visitadas hoxe por Sonia Méndez e María Novo inclúe a construcción dos dous accesos ao hospital desde as glorietas da Ronda Este ata os viais perimetrais á propia parcela do hospital. Os viais teñen unha lonxitude total de 750 metros liñais.

Os accesos configúranse como viais de catro carrís (dous carrís por sentido de circulación), con arcenes en ambas marxes de 2metros de ancho. Nesta actuación dáselle continuidade ao alumeado público dos viais perimetrais á parcela do hospital (farolas en ambas marxes do vial).

As obras dos accesos son financiadas ao 50% polo Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. O orzamento de licitación ascende a 1.301197 euros.

Multimedia

Noticias relacionadas