O Concello de Lugo continúa co desenvolvemento de programas de prevención das drogodependencias en distintos ámbitos

Venres, 23 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Carmen Basadre, continúa a desenvolver un conxunto de actividades que está a organizar o Servizo Municipal de Drogodependencias para concienciar á xuventude lucense sobre os efectos negativos do consumo de drogas. Este completo programa está cofinanciado a través dun convenio coa Consellería de Sanidade e o Concello que ascende a 112.174 euros.

Como explicou a Concelleira o desenvolvemento dos programas producirase nos ámbitos escolar, familiar, mocidade e laboral ata o 30 de xuño de 2010:

Ámbito Escolar:

  •   INTERVENCIÓNS NA AULA: Realízanse os obradoiros nos distintos centros educativos da cidade, de Primaria, Secundaria e BAC, utilizando os programas e materiais axeitados á idade do alumnado. Está destinado a un total de 3.900 participantes.
  •   CINENSINO: Consiste no visionado de tres películas durante o curso escolar desenvolvendo despois de cada proxección unha unidade didáctica na aula xunto co profesor, ao que se imparte un curso de formación con módulos prácticos e teóricos. A primeira das sesións terá lugar o vindeiro xoves 29 de outubro no Auditorio Municipal co visionado da película City of Ember que permitirá abordar o tema da toma de decisións, e que contará coa participación de 700 rapaces.
  •   NON PASA NADA, PASA ALGO: Programa de prevención que consta de varias sesións nas que se utilizan posters e Dvd´s con contidos sobre as diversas substancias e os riscos do seu uso e abuso. Destinada a 600 rapaces e rapazas.
  •   EDUCAR PARA PREVIR: Trátase dun certame de debuxo que se leva a cabo nos centros escolares de Primaria da cidade. Cada ano trata un tema diferente relacionado coa prevención das drogodependencias. Cos debuxos gañadores do concurso elabórase ano tras ano un calendario que, a posteriori, é repartido polos centros educativos, en dependencias municipais, así como a toda a poboación que o desexe. Os destinatarios serán 2.000 rapaces e rapazas.

Ámbito familiar:

  •   MÁIS QUE UN TEITO: É un programa dirixido ás familias. Existen 3 tipos de actividades neste programa: Encontros cos pais e profesores, actividades presenciais con pais levando a cabo un proceso de ensino activo, de reforzo ante os seus fillos e actividades cos pais non presenciais recibindo no seu domilicio materiais escritos, trípticos, materiais de traballo, cuestionarios, etc... Cun número de 6.000 persoas como destinatarios.
  •   ENTRE TODOS: Trátase dun programa para familias con fillos adolecentes que manteñen consumos de distintas drogas. Realízase traballo de manera individualizada co adolescente, coa familia e, posteriormente, en conxunto; é dicir, lévase a cabo un encontro entre pais e fillos ou fillas, servindo esto como punto de encontro e de escoita mutuo. Serán 150 persoas as destinatarias.

Ámbito da Mocidade:

  •   ACTIVA: Trátase dun programa que ten como finalidade a adopción de hábitos de vida saudables entre a mocidade. Inténtase do mesmo xeito reducir a incidencia de diversos problemas sociosanitarios relacionados co uso e abuso de drogas neste sector da poboación. Este programa estase a desenvolver no Punto de Información Xuvenil do Castiñeiro e que no que poden participar ata 5.000 mozos e mozas.
  •   CAMBIO DE SENTIDO: Este programa desenvólvese nas autoescolas da cidade coa finalidade de mellorar a seguridade viaria.Está destinado a 2.500 mozos e mozas de entre 16 e 25 anos.
  •   CREATIVE: O obxectivo do programa é o de evitar a consolidación do consumo de drogas e reducir os problemas asociados ao abuso destas substancias, sobre todo, nos mozos en risco. Dentro deste programa estanse a desenvolver intervencións nos espazos nos que a mocidade fai botellón.
  •   ACAIS (Adolescentes e mozos): con este programa preténdese abordar temas de prevención de drogas, VIH / sida e infeccións de transmisión sexual dentro do marco da intervención social cun grupo específico de menores e adolescentes da comunidade xitana, así como coas suas familias, tendo en conta que se define como unha comunidade de alto risco.

Ámbito das Mulleres:

  •   PENÉLOPE: Trátase dun programa destinado ás mulleres con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos, así como ás que demanden un tratamento pola problemática de drogodependencias. Penélope ten como obxectivo a ruptura da tendencia á igualación das pautas de consumo de drogas coa dos homes, reducindo deste modo a incidencia dos problemas de drogas nas mulleres. Este programa destínase a unhas 6.000 mulleres.

Actividades Transversais:

  •   PUBLICACIÓNS: Material impreso que se necesite facilitado pola Xunta ou ben a cargo do Concello.
  •   XORNADAS: As vindeiras xornadas, que terán lugar na vindeira primavera, abordarán a temática da familia e os adolescentes, cumprindo así cos obxectivos do Plan Municipal 2007-2010.

Coñecendo o Sida
Por outra banda a Concellería de Benestar Social levará a cabo o vindeiro 29 de outubro ás 18.30 horas no Local Social de Díaz de Castro un obradoiro de Ciencia Divertida baixo o título No Sé SiDa. O obxectivo é informar de forma clara e sinxela aos adolescentes sobre unha das plagas máis perigosas do século XXI: o SIDA.

A través de actividades participativas e experimentos os rapaces e rapazas coñecerán o funcionamento do sistema inmunolóxico, que é o síndrome de inmunodeficiencia adquirida e cales son e cales non son vías de transmisión do VIH e cales son as medidas de prevención indispensables.

Noticias relacionadas