Ata o 31 de xullo autorizáronse entre outras 155 novas vivendas en edificios; 110 reformas e rehabilitacións e 14 construccións para vivendas unifamiliares, por máis de 55 millóns de euros.
O alcalde de Lugo destaca o dinamismo do departamento de Urbanismo, xa que incrementa o bo ritmo do pasado ano, no que se concederon 256 licencias.
Ao longo destes meses tramitáronse ademais 925 comunicacións previas de obras menores, fronte ás 1.821 rexistradas durante todo o ano pasado.

O alcalde de Lugo e o concelleiro de Urbanismo fixeron balance da actividade desenvolvida desde xaneiro ao pasado 31 de xullo pola citada área municipal, destacando que neste período o Concello de Lugo concedeu 279 licencias urbanísticas por un valor de máis de 55 millóns de euros, o que supón 23 licencias máis que en todo o 2024. Nestes sete meses, autorizáronse entre outras xestións 155 novas vivendas en edificios; 110 reformas e rehabilitacións e 14 construccións para vivendas unifamiliares no municipio, o que a xuízo do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, “supón incrementar o bo ritmo do pasado exercicio, no que se concederon un total de 256 licencias. Ata de agora xa levamos 279 tramitadas polo que creo que estamos nunha moi boa dinámica, cunha maior axilidade, para seguir avanzando no desenvolvemento urbanístico da nosa cidade”.
A este respecto, o concelleiro responsable desta área, Jorge Bustos, fala da “importante labor que están levando a cabo as e os técnicos deste departamento, o novo persoal incorporado a esta Concellería no último ano e medio, e que están a ser claves nos cambios experimentados na área de Urbanismo así como tamén nunha mellor atención ás demandas non só dos cidadáns senón tamén dos promotores dedicados a obra pública, edificación privada e rehabilitación, cos que estamos a manter reunións periódicas a través da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, APEC”.
Ademais das 279 licencias concedidas entre xaneiro e xullo deste ano, desde o departamento de Urbanismo tramitáronse 925 comunicacións previas, fronte ás 1.821 rexistradas ao longo de todo o ano pasado.
Neste sentido, hai que destacar que os cambios introducidos xa hai máis dun ano e medio nas modificacións na tramitación, permiten axilizar e simplificar moito os procedementos, como é o caso das licencias de obra menor de ata 300.000 euros que desde finais de febreiro de 2024 se resolven sen ir á Xunta de Goberno Local. “Estas xestións agora máis áxiles e con procedementos de maior seguridade xurídica están a permitir tamén un moi bo ritmo noutro tipo de dilixencias” sinala Jorge Bustos.
De feito, o edil de urbanismo explica que “ao longo destes sete meses, houbo esas 925 comunicacións previas de obra menor, pero tamén outro tipo de actividades como as 107 comunicacións por apertura de locais ou modificacións de negocios; 14 declaracións responsables por, principalmente, apertura de establecementos de hostalería; 111 cambios de titularidade e 12 procedementos de control posterior”. Jorge Bustos lembra ademais que “neste período houbo 80 comunicacións de obra que foron resoltas como licencias, por tratarse de intervencións en inmobles catalogados”.
Para o rexedor municipal, o que está claro é que “estamos a manter e incluso a incrementar o bo ritmo que tomou esta Concellería no derradeiro ano e medio, e iso é crucial para o desenvolvemento da cidade, non só desde o punto de vista urbanístico, senón tamén no que respecta á dotación de servizos; á dinamización das distintas zonas de Lugo e á posibilidade de captar novas empresas e inversións. Ao final, o crecemento urbanístico afecta tamén a outros sectores e redunda positivamente no progreso da cidade”.
Para corroborar este avance, Miguel Fernández compara os datos nas tramitacións e concesións dos últimos sete meses cos procedementos e dilixencias realizadas no 2024, un ano no que as mencionadas modificacións e a incorporación de máis persoal a Urbanismo influíron notablemente no incremento de xestións. “Nestes sete meses houbo 279 licencias urbanísticas, superando en 23 a cifra de todo o 2024, con esas 256 licencias; ou as 188 autorizacións para novas vivendas de todo o ano pasado, fronte ás 155 que levamos concedidas para nova vivenda en edificios nestes sete meses. Todo iso demostra que imos polo bo camiño”, sostén o alcalde de Lugo.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o balance das licenzas | Descargar mp3


