O Concello de Lugo abre o procedemento de adxudicación para a renovación da Travesía de Nadela

Mércores, 05 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a apertura do procedemento de adxudicación da contratación do servizo para a redacción do proxecto de reurbanización e renovación de servizos na N-VI Travesía de Nadela segundo explicou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

As obras realizadas na N-VI polo Ministerio de Fomento consistiron na construción dunha vía de alta capacidade con plataforma separada e dous carrís por sentido e a construción das vías de servizo e pasos inferiores e glorietas a nivel precisas para garantir a accesibilidade dos predios afectados. Unha das consecuencias destas actuacións é a de modificar o trazado existente no núcleo de Nadela, conformándose a solución en variante á travesía existente, bordeando o núcleo polo noroeste ata chegar á glorieta de confluencia coa Autoestrada A-6, a vía rápida cara Sarria e a continuidade da N-VI. Esta glorieta terá tamén conexión coa Autoestrada A-54 ( Lugo- Santiago-Ourense).

Por todo isto, e seguindo a liña de actuacións dos convenios da travesías co Ministerio de Fomento, enténdese que se trata dun momento axeitado para acometer unha nova fase na que se inclúa a travesía de Nadela toda vez que finalizadas as obras por parte de Fomento sexan transferidas ao Concello como unha rúa máis da cidade.

O orzamento para levar a cabo esta actuación é de 40.000 euros e conta cun prazo de dous meses.

Deportes
A Concelleira explicou que nesta xuntanza abriuse tamén o procedemento de adxudicación da contratación da subministración de material deportivo aos participantes na carreira “Corre con nós” 2010, mediante a entrega de vales.

Os vales serán entregados aos atletas que participaron en 6 das 8 carreiras do circuíto, cun valor de 40 euros para rapazas e rapaces nados no 1994 e posteriores, e de 30 euros para adultos.

Ofértanse dous lotes: para escolares 650 vales, para adultos 650 vales contando cun orzamento total de 22.750 euros.

Outros asuntos
A Xunta de Goberno aprobou tamén seis licenzas de obra e denegou unha. Ademais, aprobou o nomeamento de dúas educadoras sociais do Concello e as bases para a cobertura interina de praza de arquiveiro ou arquiveira.

Día de Europa
A Concelleira de Economía e Emprego anunciou nesta rolda de prensa a celebración que ten preparada o Concello de Lugo para o vindeiro domingo día 9 de maio con motivo do Día de Europa. A partir das 12.00 horas na Praza Maior lerase unha declaración institucional, soará o himno europeo e haberá diferentes actividades para todos os públicos, pero sobre todo para os máis novos.

Méndez indicou que “todos os anos celebramos esta festividade xa que a cidade está agradecida polos fondos europeos que desde o ano 1999 se xestionan desde o Concello”. Un exemplo desta boa xestión, explicou a Concelleira, son os programas de emprego, como Lugo, emprego activo, que contan cun financiamento de 1.800.000 euros e nos que participan máis de 500 persoas. Ademais, son moitas as persoas atendidas na oficina europea do Espazo>Lab, no que vai de 2010 foron máis de 1.100.

“Somos europeístas xa que estamos agradecidos polos beneficios que obtivo a cidade ao longo dos últimos anos da UE”, indicou. “Por iso non entendemos as críticas do Grupo Municipal do PP aos programas europeos como as realizadas sobre a viaxe dunha delegación lucense a Estocolmo dentro do programa Leonardo”, e engadiu “o PP é capaz de poñer en perigo os fondos europeos con tal de empañar a vida política”.

A Concelleira explicou que os datos de paro na cidade supoñen un alto índice polo que o Concello está a levar a cabo diferentes medidas e políticas de emprego para rebaixar as cifras. “Soamente o Goberno de España a través do Plan E e o Concello a través dos fondos europeos están a asumir a responsabilidade de creación de emprego, cando é unha competencia que corresponde á Xunta de Galicia na nosa Comunidade”, afirmou. “Por iso pedimos ao Goberno de Núñez Feijoo que transpase as competencias de emprego aos concellos, xa que somos os únicos que estamos preocupados polo emprego, pero temos que contar coa correspondente financiamento por parte do ente autonómico”, e concluíu “seremos capaces de xestionar os fondos convenientemente para levar a cabo políticas de emprego eficaces”.

Multimedia

Noticias relacionadas