Concello e Deputación tamén acordan manter no Cemiterio de San Froilán a escultura de Asorey que é propiedade da institución provincial
- Tema

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, informou hoxe de que a Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o convenio coa Deputación provincial para dotar de alumeado ó paseo do río Rato.
Luis Álvarez destacou que coa aprobación deste convenio quedou demostrado que era certa a existencia dunha firme vontade de levar adiante este proxecto, por máis que o tentara poñer en dúbida, no seu día, o Partido Popular.
En virtude do convenio que aprobou hoxe o Goberno local, a Deputación provincial asume a financiación e execución da obra e o Concello farase cargo do posterior mantemento e do consumo de enerxía.
O proxecto de iluminación do paseo fluvial do río Rato e da estrada provincial que discorre ó seu carón, a LU-P-2925, suporá a instalación de alumeado público nun traxecto de máis de 7 kilómetros de lonxitude.
Trátase dun proxecto de eficiencia enerxética que se acometerá entre a Avenida de Madrid (Casa María) e o Parque do Sagrado Corazón e que dá resposta a unha demanda cidadá plantexada por veciños de Lugo nos Presupostos Participativos da Deputación provincial.
O Cemiterio de San Froilán conserva o Cristo de Asorey
O Voceiro do Goberno local tamén deu conta de que a Xunta de Goberno do Concello aceptou hoxe o depósito da escultura do Cristo Redentor que é obra de Francisco Asorey por parte da Deputación, de maneira que a escultura vai permanecer no mausoleo no que está instalado, no Cemiterio de San Froilán.
Luis Álvarez informou de que a Xunta de Goberno Local tomou coñecemento esta mañá deste acordo coa Deputación provincial que entrega esta peza de mármore en concepto de depósito voluntario ó Concello.
Este acordo coa Deputación acadouse logo de que prosperaran outras xestións feitas pola Concellería de Servizos Xerais, que deron como resultado a cesión ó Concello de Lugo por parte da comunidade hereditaria do mausoleo dos dereitos de uso do mesmo para fins culturais.
A escultura, recentemente adquirida pola Deputación Provincial, está ubicada no mausoleo número 4 da sección 4 do Cemiterio de San Froilán, construído sobre unha parcela de titularidade municipal.
Unha vez que a concesión administrativa desta parcela revertiu ó Concello despois de que a comunidade hereditaria formulara a cesión dos dereitos de uso para fins culturais ó Concello, a Concellería de Servizos Xerais solicitoulle á Deputación provincial a cesión en propiedade, con fines culturais, da devandita escultura para a súa exposición permanente no recinto do Cemiterio municipal de San Froilán con arreglo ó convenio de cesión que se suscriba nos termos que asimesmo se propuxeron.
Outros acordos
O Goberno Local tamén acordou este mércores sacar a contratación obras de instalación de novo alumeado público en oito rúas da cidade por un importe total de 174.578.
Luis Álvarez explicou que se aprobou a apertura do procedemento de adxudicación, por procedemento aberto e mediante dous lotes, das obras para a instalación de alumeado público en Recatelo, Isaac Díaz Pardo (antes Cedrón del Valle), Vila de Sarria, Plácido Rei Lemos, Avelino Pousa Antelo (antigua Xeral Tella), Carril de Recatelo e Cidade de Viveiro, cun presuposto de licitación de 129.848 euros e un prazo máximo de execución de tres meses e a avenida dos Deportes (entorno do Anxo Carro) cun prezo máximo de 44.730 euros e dous meses de prazo máximo de execución.
A Xunta de Goberno decidiu ademais incoar un novo expedente d eimposición de penalidade diaria por importe de 17,71 euros, por incumprimento no prazo de execución, á empresa adxudicataria da obra de mellora da rede de saneamento nas rúas Monte Adairo e Monte Pía Paxaro. Esta penalidade aplicarase sobre a demora efectiva que se produza entre o 28 de abril e o novo prazo ampliado ata o día 29 de maio.
Audios
- Sobre o alumeado no Paseo do Rato | Descargar mp3
- Sobre a permanencia do Cristo Redentor de Asorey no Cemiterio | Descargar mp3