O Concello aposta en FITUR 2017 polo turismo sostible

A Alcaldesa e a concelleira de Cultura presentarán un vídeo promocional que amosa que Lugo é rico tanto patrimonial como medioambientalmente. A entidade local tamén repartirá uns 4.000 folletos promocionais no evento

Lugo recibiu a máis de 46.500 visitantes no 2016, un 13% máis que o pasado ano, incrementándose o turismo nacional e o internacional, "o que amosa que a coidada oferta patrimonial e cultural do Concello, que busca ademais estender a xeografía turística de Lugo cara as parroquias máis aló da cidade, é efectiva"

"Queremos seguir sendo un destino auténtico, conservar o que fomos e o que somos, e o que nos fai únicos: un entorno natural envidiable, calidade nos servizos, patrimonio histórico, excelencia gastronómica e ampla oferta cultural", subliñou Basadre

Martes, 17 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo presentará no marco da 37ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará entre mañá mércores e o vindeiro domingo 22 no recinto feiral IFEMA, a continuidade da campaña Ven, é Lugo, presentada na pasada edición, apostando este ano polo turismo sostible, con máis razón aínda este ano dado que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou dedicar este ano ao Turismo  Sostible para o Desenvolvemento.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, viaxarán "a este evento de referencia do turismo en España" para presentar o vindeiro xoves un vídeo promocional da cidade, no que se ensalza a Lugo como destino sostible medioambiental e accesible, con riqueza patrimonial e histórica; así como para promover Lugo entre os 165 países e rexións que se darán cita nesta feira, que recibiu o pasado ano a máis de 230.000 visitantes, 74.000 o stand galego.

Nesta liña, a edil amosou a aposta do Concello polo sostible, ligando o desenvolvemento da cidade a uns valores e criterios respetuosos co medio ambiente. Así, Basadre fixo fincapé en que a natureza e as zonas verdes, son tamén motivo polo que os visitantes elixen Lugo, dado que ofrece un cinto verde de máis de 10 quilómetros de paseo que rodea a cidade, e que transcorre entre o río Miño e o río Rato, e 23 hectáreas de zona verde en pleno centro da cidade, no Parque Rosalía de Castro, ademais dos roteiros rurais. Na montaxe audiovisual tamén hai espazo para as festas do San Froilán, o Arde Lucus e a gastronomía. Ademais, a entidade local incluíu no vídeo os 3 Patrimonios da Humanidade, a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo, así como a Ponte Romana, o casco histórico, a Praza Maior ou a Casa Consistorial, entre outros.

A Concelleira tamén avanzou que se repartirán uns 4.000 folletos promocionais de Lugo, tanto en español, como inglés, italiano, francés ou portugués, así como guías, planos ou marcapáxinas, "unha excelente oportunidade para amosar que Lugo é rica tanto patrimonialmente como medioambientalmente".

Por último, Carmen Basadre aproveitou a ocasión para realizar unha valoración dos datos de turismo en Lugo, que recibiu a máis de 46.500 visitantes no 2016, un 13% máis que o pasado ano, incrementándose tanto o turismo nacional, pero tamén o internacional, "o que amosa que a coidada oferta patrimonial e cultural do Concello, que busca ademais estender a xeografía turística de Lugo cara as parroquias máis aló da cidade, é efectiva. No Concello apostamos polo turismo, que sigue engordando as cifras do PIB ano tras ano, aumentando no último lustro dende o 10,2% ata o 11,1%", subliñou.

"Queremos seguir sendo un destino auténtico, conservar o que fomos e o que somos, e o que nos fai únicos: un entorno natural envidiable, calidade nos servizos, patrimonio histórico, excelencia gastronómica e ampla oferta cultural", finalizou a edil. 

Noticias relacionadas