O Concello anuncia a contratación da redacción do proxecto do edificio que se destinará a novas tecnoloxías

Mércores, 15 de xuño de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local acordou hoxe abrir o procedemento para contratar a redacción do proxecto do edificio destinado a novas tecnoloxías que se levará a cabo dentro do Plan Urban e que suporá a ampliación da Casa Consistorial coa incorporación dos edificios números 2 e 4 da praza Angel Fernández Gómez.

O acordo adoptado hoxe pola Xunta de Goberno Local tamén é para a realización dos estudos previos, o proxecto arqueolóxico, a dirección de obra, coordenación en materia de seguridade e saúde e o seguimento arqueolóxico durante a execución das obras de construción.

O valor estimado do contrato é de 47.200 euros, IVE incluído, e o prazo para a realización dos estudos previos e a redacción do proxecto e proxecto arqueolóxico será de dous meses.

Os licitadores deberán presentar o compromiso de adscribir á execución do contrato obrigatoriamente o seguinte persoal:

- Un/unha arquitecto/a.
- Un/unha arquitecto/a técnico/a.
- Un/unha arqueólogo/a.

O Concello publicará un anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo así como no perfil do contratante do Concello (www.lugo.es). O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no BOP.

O acordo tomouse na sesión na que quedou constituída a Xunta de Goberno Local e na que se deu conta do decreto do Alcalde sobre composición provisional da Xunta de Goberno Local e do seu réxime de sesións e outros aspectos organizativos.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia

Noticias relacionadas