O ciclo Lubicán 2017 ofrece unha programación cultural estable e de marcada pegada galega na primavera luguesa

Ataque Escampe, Crebinsky e León Benavente integran un cartel musical no que tamén ten cabida Milesios, Xoán Curiel e o grupo integrado por Mónica Nut e Luís Martíns

Martes, 21 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O ciclo Lubicán 2017 ofrece unha programación cultural estable e de marcada pegada galega na primavera luguesa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García, e a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, presentaron este martes no Centro Arqueolóxico de San Roque as actividades programadas para os vindeiros meses dentro do ciclo Lubicán. Este ciclo está organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan o Concello, a Deputación de Lugo e a USC, que garante unha programación cultural estable e de marcado selo galego durante a primavera luguesa.

A recuperación de espazos naturais para uso e goce da música feita por galegos e a adaptación da oferta ás preferencias do público universitario con outras das características que presenta o Lubicán en 2017, unha edición na que as distintas actividades programadas están agromadas en tres miniciclos: Lubicán, Lubicán Íntimo, Xoves de Moda.

O grupo de música folk Milesios, unha formación que pretende recoller e re-interpretar a músicatradicional galega e irlandesa na idea de que foron os galegos de hai miles de anos, abre o venres 24 de febreiro o cartel do Lubicán Íntimo, coa presentación do seu último traballo Indoevindo. Este ciclo orientado á presentación de traballos discográficos de profesionais en acústico, terá continuidade os venres 3 de marzo e 21 de abril, datas nas que Xoán Curiel presentará Ecuacións e o dúo formado por Mónica de Nut e Luís Martíns traerán á Casa do Saber Raíces aéreas.

Ataque Escampe, Crebinsky e León Benavente completan o trío de concertos programados no Lubicán 2017, unha edición que botará a andar o 30 de marzo na Casa do Saber, onde Ataque Escampe presentará Primeiros bicos. A Praza de Santa María acubillará os días 27 de abril e 25 de maio cadanseu concerto de Crebynsky, que presenta o disco Zirkus Affe e León Benavente, que trae a Lugo o seu último traballo 2.

Os Xoves de moda, unha iniciativa xurdida como complemento do Lubicán e orientada a coñecer máis de preto proxectos interesantes en outras artes, terá como protagonistas nesta edición ao Chévere, o traxe tradicional e o documental feito dende unha produtora monfortina. Os directores do documental Os días afogados, Luis Avilés e César Souto, guiarán o 9 de marzo, a partir das 21:00 horas, na Casa do Saber, a primeira entrega dos Xoves de Moda 2017. Este ciclo terá continuidade o 11 de maio con Montse Rivera e o 8 de xuño cun obradoiro do espectador, a cargo de Chévere, que estará guiado por Xesús Ron e Patricia de Lorenzo.

Audio

Noticias relacionadas