Miguel Fernández visitou a exposición urbana que se inaugurou na Praza Maior, composta por varios paneis divulgativos, que repasan 2.500 anos dos “Tesouros da terra”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu esta mañá no Concello de Lugo aos representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia, coa súa directora Arantxa Prado ao fronte, minutos antes da inauguración da exposición itinerante “Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo”, composta por oito paneis divulgativos e que desde hoxe está aberta ao público na Praza Maior de Lugo.
O rexedor municipal felicitou á Cámara Oficial Mineira de Galicia polos seus cen anos de actividade ao tempo que puxo en valor o “importante pasado mineiro: desde as minas de ouro do Imperio Romano aos xacementos de ferro en distintos municipios da nosa provincia, que fixeron de Lugo unha das máis destacadas rexións en explotacións mineiras”. Neste sentido, Miguel Fernández, sinalou que “agardo que esta exposición sirva para escavar un pouco máis na nosa historia e no noso pasado”.
Esta mostra, que percorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia, forma parte dos actos de celebración do seu centenario da citada cámara, constituída o 10 de setembro de 1925, co obxectivo de conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos.



