
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto a outras concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal de Lugo gardaron esta mañá un minuto de silencio en memoria das cinco mulleres asasinadas, vítimas de violencia de xénero, tralos crimes ocorridos en Madrid, Valencia, Asturias, Guadalajara e Las Palmas, e do asasinato dun menor de dous anos, fillo dunha das vítimas.
Ante a Subdelegación do Goberno e xunto ao resto de autoridades e representantes institucionais gardouse un minuto de silencio como símbolo de condena e repulsa por estes crimes machistas, que elevan a 20 as mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas no que vai de ano, e tamén polo asasinato do fillo dunha delas. Co crime vicario deste neno, o número de menores asasinados por violencia de xénero elévase a 65 desde 2013 e a 3 neste 2025.


