Miguel Fernández visitou hoxe a cidade do norte de Portugal, xunto ao seu rexedor e presidente do Eixo Atlántico, Luís Nobre, para avanzar en futuras estratexias comúns.
Para o mandatario lucense, “Viana do Castelo e Lugo non son só dúas urbes irmandadas desde hai máis de tres décadas, senón dous pobos que medramos máis unidos cada día”.
O alcalde di que “queremos promover accións que enriquezan ás dúas cidades e impulsar iniciativas coas que involucrar ás xeracións máis novas”.

O alcalde lucense, Miguel Fernández, visitou esta mañá a cidade portuguesa de Viana do Castelo, coa que Lugo está irmandada desde o ano 1990, para avanzar en futuras estratexias comúns e poñer en valor o rico patrimonio histórico artístico que une a ambas urbes. O rexedor municipal foi recibido polo máximo mandatario de Viana do Castelo e tamén presidente do Eixo Atlántico, Luís Nobre, e polo secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para nun primeiro momento manter unha reunión na que abordar posibles accións dirixidas a revitalizar a irmandade de ambas cidades.
Na súa primeira visita á Viana do Castelo como rexedor de Lugo, Miguel Fernández manifestou que “hoxe é un día para falar de unidade de ambos pobos: irmandade a través do seu territorio e da súa identidade, deixando claro que non hai fronteiras senón cultura e historia compartidas, que fan máis fortes os nosos lazos e a nosa unión”.
A visita á cidade portuguesa serviu tamén para percorrer o seu centro histórico e coñecer de primeira man algúns dos proxectos estrela, como a rehabilitación do antigo mercado; a praza do Eixo Atlántico e a recuperación de edificios significativos, como os de Álvaro Siza Vieira e de Eduardo Souto de Moura, ou do barco Gil Eanes para a posta en marcha de museos nos que preservar a historia, o arte, a cultura e o patrimonio marítimo de Viana do Castelo. Neste sentido, o alcalde de Lugo mostrou a súa satisfacción por estar nesta cidade portuguesa “coa que compartimos raíces, cultura e identidade. Lugo e Viana non somos só dúas cidades irmandadas desde hai máis de tres décadas: somos dous pobos que medramos máis unidos cada día”.
Sobre a unión de Viana do Castelo e Lugo, que se remonta ao ano 1990, Miguel Fernández sinalou que “temos moitos elementos en común: compartimos a pegada castrexa, a herdanza romana e o valor do noso patrimonio histórico, que nos sitúa como cidades con raíces milenarias e cun futuro cheo de oportunidades”. O rexedor lucense fixo fincapé neste aspecto e comentou que “co paso dos anos, estamos aínda máis unidos; porque Viana do Castelo, ao igual que Lugo, é unha fervente defensora da historia, da cultura e do patrimonio histórico artístico como vía para enfrontar os retos do futuro; contribuír ao impulso dos nosos sectores produtivos e apostar por unha cidade verde, peonil e aberta; unha cidade, en definitiva, feita para vivir”.
Por último, Miguel Fernández sinalou que “hai interese en promover accións culturais que enriquezan a ambas cidades, favorecendo o coñecemento mutuo e impulsando iniciativas nas que involucrar ás xeracións máis novas”.
Audio
- O alcalde lucense, Miguel Fernández, visitou esta mañá a cidade portuguesa de Viana do Castelo | Descargar mp3



