Miguel Fernández reunirase co presidente de Renfe o 18 de xuño para reclamar unha conexión ferroviaria xusta para Lugo

O alcalde de Lugo defenderá na reunión unha batería de propostas para mellorar os horarios, frecuencias e destinos dos servizos ferroviarios, alertando de que a cidade segue en desvantaxe respecto ao resto de Galicia.

Lugo é a única capital galega sen AVE nin trens que permitan chegar a Madrid antes das 10:30 h., e perdeu conexións estratéxicas con Barcelona e o norte peninsular.

“Debemos aproveitar que pronto contaremos cunha moderna estación intermodal para dotala con servizos reais: máis frecuencias, mellores horarios e igualdade de oportunidades para Lugo”, afirma Miguel Fernández.

Martes, 10 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, manterá o 18 de xuño en Madrid unha reunión co presidente de Renfe, Álvaro Fernández de Heredia, para trasladar directamente as principais reivindicacións da cidade en materia ferroviaria. O encontro, solicitado formalmente polo propio rexedor, forma parte dunha estratexia planificada para mellorar os servizos ferroviarios de Lugo, que xa incluíu hai unhas semanas unha reunión co secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano.

“Estamos nun momento decisivo para o futuro da mobilidade en Lugo. En menos dun ano inaugurarase a estación intermodal, pero sen trens competitivos corremos o risco de ter unha estación baleira. Esta reunión é clave para garantir servizos dignos e igualitarios”, sinalou o alcalde.

Miguel Fernández defenderá unha batería de melloras que inclúe tanto medidas de carácter inmediato como propostas estratéxicas a medio prazo. Entre elas destacan a implantación dun servizo matinal que permita chegar a Madrid antes das 10:30 h, esencial para as viaxes laborais e administrativas: o alcalde plantexará que esta frecuencia poida implantarse ben mediante unha saída directa desde Lugo (vía Alvia) ou mediante un transbordo optimizado en Ourense, sempre garantindo un tempo de viaxe inferior a cinco horas. Ademais, a recuperación dunha frecuencia vespertina que permita regresar desde Madrid a Lugo en horario axeitado; e o restablecemento da posibilidade de facer viaxes de ida e volta no mesmo día, opción que se perdeu coa recente supresión do enlace co último AVE da noite.

Tamén reclamará a mellora da conectividade coa Cornixa Cantábrica, coa recuperación de conexións directas con destinos como Bilbao, León, ademais de Barcelona, que se perderon nos últimos anos, así como o reforzo das frecuencias entre Lugo e Ourense, que permita aproveitar mellor a rede AVE e AVLO dispoñible desde a cidade das Burgas. A maiores, o rexedor trasladará a necesidade de incorporar a Lugo nas melloras tarifarias e de horarios que xa desfrutan outras capitais galegas, e de avanzar no estudo dunha conexión directa entre Lugo e Santiago, que permita reducir tempos de desprazamento e mellorar a vertebración territorial do interior galego.

No plano estratéxico, o alcalde porá tamén enriba da mesa a inclusión efectiva de Lugo no Corredor Atlántico de Mercadorías, unha infraestrutura prioritaria para a Unión Europea que busca conectar os portos atlánticos co centro de Europa mediante transporte ferroviario sostible. A conexión Lugo–Monforte–León precisa aínda actuacións urxentes en capacidade, electrificación e apartadeiros para trens longos, cuxo retraso podería deixar a Lugo fóra dos grandes fluxos loxísticos europeos.

O alcalde pecha reunións clave con todas as administracións

A reunión con Renfe súmase a outros encontros institucionais pechados nas últimas semanas: o vindeiro 2 de xullo, Miguel Fernández será recibido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar os grandes proxectos estratéxicos de Lugo. Unha reunión que o alcalde considera “imprescindible para desbloquear compromisos pendentes que afectan directamente á calidade de vida da cidadanía e á cohesión territorial”.

Nos últimos días, o alcalde logrou avances concretos coas consellerías de Vivenda e Sanidade e a cesión completa da parcela do Sagrado Corazón para o novo centro de saúde. Porén, advertiu que estes compromisos “chegan tarde”: hai máis de 15 anos que a Xunta non promove vivenda pública en Lugo, mentres máis de 2.000 persoas están inscritas como demandantes. Ademais, barrios como o Sagrado Corazón seguen sen dotacións básicas, e proxectos como o Museo da Romanización levan anos estancados.

“Lugo non pode seguir agardando eternamente. A cidade necesita planificación, orzamento e prazos, non anuncios soltos. Por iso estou a poñer enriba da mesa todas as reivindicacións pendentes, con datos, argumentos e propostas concretas. Esa é a miña forma de traballar: con firmeza, diálogo e compromiso real coa cidade”, concluíu Miguel Fernández.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a reunión coa Renfe | Descargar mp3

Noticias relacionadas