Miguel Fernández oficializará ante o secretario de Estado para a Memoria Democrática a candidatura do Vello Cárcere como lugar de memoria

O rexedor fará entrega, o próximo mércores no propio edificio, da documentación de candidatura formal para acadar este recoñecemento, que permitiría a Lugo optar a liñas de financiamento específicas.

Inaugurada a finais do século XIX, a antiga prisión foi escenario da represión durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.

“O Vello Cárcere é moito máis ca un edificio recuperado: é unha referencia da historia da nosa cidade e un espazo que fala do compromiso de Lugo coa memoria e cos valores democráticos”, afirmou Miguel Fernández

Mércores, 27 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández oficializará ante o secretario de Estado para a Memoria Democrática a candidatura do Vello Cárcere como lugar de memoria

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibirá o vindeiro mércores, 3 de setembro, ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, no complexo de O Vello Cárcere.

A visita terá como obxectivo mostrar ao representante do Goberno de España o resultado do proceso de rehabilitación integral deste inmoble histórico e amosar a súa recuperación como espazo aberto para a cidadanía, ademais de presentar formalmente a súa candidatura para ser recoñecido como Lugar de Memoria Democrática.

Fernando Martínez, historiador e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Almería, é un dos principais especialistas en republicanismo español, memoria histórica e represión franquista. Foi director xeral para a Memoria Histórica entre 2018 e 2019 e, actualmente, exerce como secretario de Estado, ademais de senador por Almería.

“O Vello Cárcere é moito máis ca un edificio recuperado: é unha referencia da historia da nosa cidade e un espazo que fala do compromiso de Lugo coa memoria e cos valores democráticos”, afirmou Miguel Fernández. O rexedor engadiu que “esta candidatura non é só un trámite administrativo, senón unha maneira de recoñecer a verdade e dignificar a memoria de todas as vítimas da represión”.

Inaugurada a finais do século XIX, a antiga prisión foi escenario da represión durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Entre os seus muros estiveron encarceradas numerosas persoas por motivos políticos, como o doutor Rafael de Vega, moitas delas condenadas a longas penas ou á morte. Convertida en símbolo de represión e silencio, a cárcere forma parte da memoria colectiva de Lugo e de Galicia.

Grazas a un ambicioso proceso de rehabilitación impulsado polo Concello, o edificio recuperou o seu valor patrimonial e arquitectónico. Na actualidade funciona como centro cultural aberto á cidadanía, acollendo exposicións, actividades sociais e programas de divulgación que promoven a reflexión crítica sobre o pasado e a defensa da democracia.

O recoñecemento oficial como Lugar de Memoria Democrática suporía un paso máis na dignificación das vítimas e no compromiso da cidade coa xustiza histórica. “Lugo ten o deber e a vontade de conservar este espazo como testemuña viva do que nunca debe repetirse”, engadiu o alcalde, quen tamén destacou que “cada actividade que se organiza en O Vello Cárcere é unha chamada a lembrar e a construír unha sociedade máis xusta e máis libre”.

A visita do secretario de Estado permitirá reforzar esta candidatura e avanzar na súa inclusión no rexistro estatal de lugares de memoria, un recoñecemento que consolidaría a Lugo como referente na preservación da memoria histórica en España. “Este paso é tamén unha oportunidade para proxectar a Lugo no ámbito estatal como unha cidade que defende a súa historia e que aposta pola memoria democrática como parte do seu presente e do seu futuro”, concluíu Miguel Fernández.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a candidatura do Vello Cárcere como lugar de memoria | Descargar mp3

Noticias relacionadas