O rexedor recolleu o galadardón nacional outorgado ao Concello de Lugo na categoría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, polo proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.
A gala celebrouse este mércores no Palacio da Merced, sede da Deputación Provincial de Córdoba, e reuniu a representantes de administracións locais de todo o Estado.
A finalidade do Premio Progreso é recoñecer e dar visibilidade ás propostas máis sobresaíntes dos gobernos locais, en liña cos ODS establecidos pola ONU.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recolleu este mércores en Córdoba o XIII Premio Progreso na categoría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, outorgado ao Concello de Lugo polo proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, unha das iniciativas de transformación urbana sostible máis innovadoras de España.
A entrega tivo lugar no Palacio da Merced, sede da Deputación Provincial cordobesa, nun acto que congregou representantes institucionais de todo o país e no que se recoñeceron boas prácticas impulsadas polos gobernos locais nas distintas categorías do certame, promovido pola Fundación FUDEPA, a Federación Andaluza de Municipios e Provincias (FAMP) e o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional (FAMSI).
Durante a súa intervención, o rexedor lucense destacou que “este premio é un recoñecemento ao traballo colectivo dunha cidade que entende a sustentabilidade como un eixo transversal do seu modelo urbano. En Lugo estamos demostrando que é posible facer unha cidade máis verde, máis xusta e máis innovadora desde o ámbito local”.
Miguel Fernández expresou tamén o seu agradecemento á organización polo galardón: “Quero dar as grazas, en nome de toda a cidade, por este recoñecemento que nos enche de orgullo e que supón tamén un impulso para seguir avanzando. É unha honra que Lugo sexa hoxe un referente estatal en innovación urbana e desenvolvemento sostible”.
O alcalde salientou tamén que o proxecto LIFE Lugo + Biodinámico “non só nos permitiu actuar sobre o territorio, senón cambiar a forma de planificar e construír cidade, apostando por solucións sostibles, a través do deseño do primeiro Barrio Multiecolóxico de España ou o edificio Impulso Verde, que hoxe é un símbolo do Lugo do futuro”.
Este galardón súmase a outros recoñecementos recentes que avalan o compromiso do Concello co desenvolvemento sostible, como a Bandeira Verde de Galicia, as Pajaritas Azules ou o nomeamento como Ciudad de la Ciencia y la Innovación por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación.
"Estes premios confirman que estamos no bo camiño. Lugo soubo interpretar os retos do século XXI e responder con políticas valentes, pensadas para o presente pero sobre todo para o futuro", concluíu o alcalde.
XIII Premio Progreso
O Premio Progreso identifica e premia aquelas iniciativas que, pola súa orixinalidade e efectividade, logran xerar un impacto real na calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento sostible dos seus territorios. Así, a súa finalidade é recoñecer e dar visibilidade ás propostas máis sobresaíntes dos gobernos locais, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) establecidos pola ONU, promovendo así un desenvolvemento inclusivo, equitativo e sostible.
Co paso dos anos, o galardón converteuse nunha plataforma de prestixio que exhibe as mellores prácticas municipais, e que funciona como foro de ideas para o intercambio e difusión de proxectos exitosos. “O Premio Progreso non só impulsa a innovación e a creatividade no ámbito local, senón que tamén reforza a cooperación entre municipios, permitindo replicar solucións eficaces en diferentes rexións do país, e estamos moi orgullosos de Lugo poida servir de exemplo para outras urbes de España”, explicou o rexedor.




