Ana González e Miguel Fernández despediron aos primeiros participantes desta iniciativa coa que a entidade local ofrece unha alternativa cultural e de lecer ao longo do verán
A vindeira excursión programada terá lugar o mércores 27 de xullo a Vimianzo e Malpica

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o voceiro municipal, Miguel Fernández, achegáronse este mércores á Praza de Bretaña para despedir e desexarlle unha boa viaxe aos 50 primeiros participantes nas excursións á praia subvencionadas polo Concello, que partiron ás 09:00 horas con destino ás praias de Cariño e que regresarán a Lugo sobre as 20:30 horas.
Trátase de excursións que terán lugar en xullo e agosto, dirixidas a toda a poboación, que ofrecen aos veciños unha alternativa cultural e de lecer ao longo do verán, dunha forma económica, pois soamente deberán aboar 4,12 euros. A vindeira excursión programada terá lugar o mércores 27 de xullo aos lugares e praias de Vimianzo e Malpica. O día 3 de agosto, os beneficiarios farán unha parada nas Pontes e visitarán as praias de Ferrol e o 17 de agosto desprazaranse a San Cibrao, realizando unha parada en Mondoñedo. En caso de mal tempo, existe unha alternativa de viaxe.