Ferreiro: "Esta mostra é unha oportunidade única para descubrir Lost in Woodlands Photography, a aposta de Lamas para descubrir a beleza do entorno natural desde unha nova perspectiva".
A mostra permanecerá no Vello Cárcere de Lugo ata o vindeiro 16 de maio.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou hoxe no Vello Cárcere a exposición Capturando a Natureza, do fotógrafo Álvaro Lamas, que chega a Lugo despois de percorrer distintas localizacións das comarcas de Ferrolterra e Ortegal.
O fotógrafo mugardés transporta ao espectador a algúns dos lugares máis emblemáticos e fermosos de Galiza, incluíndo Ferrolterra, Ortegal e a Mariña Lucense, así como doutras comunidades como Asturias, Cantabria e Navarra.
Cada paisaxe foi retratada cunha visión única, reflexo da súa conexión persoal coa natureza. Maite Ferreiro explicou que esta mostra é "unha oportunidade única para mergullarse no mundo natural a través da mirada de Lost in Woodlands Photography, o proxecto de Álvaro Lamas co que pretende facernos reddescubrir a beleza e o encanto do noso entorno natural desde unha nova perspectiva".
O propio autor afirma que “Capturando a Natureza pode parecer un título xenérico, pero representa á esencia mesma do meu proxecto: capturar aqueles lugares e paisaxes que me sorprenden pola súa beleza, esplendor, maxia ou encanto. Ás veces son grandes paisaxes: fervenzas ruxentes, xélidos lagos de montaña ou solpores vertixinosos sobre acantilados. Outras, un pequeno cogumelo agochado entre follas pode representar un mundo enteiro e levarme a pasar media mañá no chan para capturalo.”
A exposición pode visitarse no Vello Cárcere ata o 16 de maio, e completa a oferta do espazo expositivo desta instalación, despois da apertura na xornada de onte de Maite Ferreiro inaugura a mostra 'Ritos e rituais de inverno', que permite ver máis de oitenta máscaras do Entroido portugués de Trás-os-Montes.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a exposición no Vello Cárcere | Descargar mp3


