Maite Ferreiro: “se a Xunta de Galiza muda os protocolos, os servizos técnicos do Concello estudarán a posibilidade de colocar barracas”

A edil de Cultura lamentou a ausencia dos grupos da oposición na xuntanza da Comisión de festas.

Maite Ferreiro anunciou que Marisol Bravos será a pregoeira do San Froilán 2021, así como os primeiros concertos desta edición.

Luns, 20 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro: “se a Xunta de Galiza muda os protocolos, os servizos técnicos do Concello estudarán a posibilidade de colocar barracas”

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes do colectivo de barraquistas do San Froilán. A edil de Cultura recibiu a este colectivo despois da xuntanza da Comisión de Festas, na que lamentou “a ausencia dos grupos da oposición no espazo no que poden realizar propostas para organizar un San Froilán de calidade, mais tendo a seguridade das asistentes como maior obxectivo”. A xuntanza da comisión de festas non se celebrou, despois de acordar os grupos do goberno non manter a xuntanza debido á ausencia dos grupos do Partido Popular e Ciudadanos.

A edil de Cultura trasladou aos representantes dos barraquistas os protocolos marcados pola Xunta de Galiza actualmente, e trasladoulles o compromiso de que o persoal municipal “estude a posibilidade de colocar barracas no caso de que o goberno galego publique novos protocolos en tempo e forma”. O protocolo sanitario actual establece a necesidade de garantir no recinto feiral un espazo de 3 metros por persoa nas zonas de tránsito, ademais de diferenciar espazos de entrada e saída e controis de aforo.  Ferreiro precisou que “o novo protocolo tería que publicarse no DOG co tempo suficiente para que o persoal técnico da área de Cultura e os servizos municipais de contratación e intervención poidan analizar as novas condicións e poñer en marcha o procedemento legal de contratación”.

Maite Ferreiro anunciou a pregoeira deste San Froilán, e os primeiros concertos desta edición.

Marisol Bravos será a responsábel do pregón do San Froilán 2021

Bravos combina o seu traballo como mestra nun colexio público co de escritora. O seu traballo a prol das persoas con discapacidade, colectivo do que ela mesma forma parte, reportoulle numerosos premios, entre eles "Mulleres destacadas" (1993) e "Lucense do ano" (1997).

Concertos confirmados

O 10 de outubro, a praza de Santa María acollerá a Guadi Galego.

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha carreira musical que comeza sendo moi nova no ano 1997, no grupo Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira.  Despois dunha xa longa traxectoria na música, galardoada entre outros co Premio da Crítica Galicia na categoría de Música, Premios Martín Códax, Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020, volve agasallarnos co seu último traballo "Costuras" , o seu 5º disco en solitario, que sae ó mercado e ás redes o próximo 20 de novembro.

A edil de Cultura confirmou tamén ao grupo Sidecars para o día de apertura do San Froilán, o 4 de outubro, na praza Horta do Seminario.

Nada no 2006, gañou o Premio da Música ao mellor álbum de rock alternativo no 2009 e o premio A Noite en Vivo ao mellor grupo revelación no 2008. Sidecars sitúase como un dos heroes icónicos do rock estatal, mantendo vivo ao xénero nos últimos anos.

Ademais, Maite Ferreiro afirmou que “este ano contaremos novamente con medio cento de grupos de Lugo de diversos estilos, continuando na aposta polo tecido cultural local que xa é un dos piares de traballo da área de Cultura”.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o San Froilán 2021 | Descargar mp3

Multimedia

  • Maite Ferreiro: “se a Xunta de Galiza muda os protocolos, os servizos técnicos do Concello estudarán a posibilidade de colocar barracas”
  • Maite Ferreiro: “se a Xunta de Galiza muda os protocolos, os servizos técnicos do Concello estudarán a posibilidade de colocar barracas”
  • Maite Ferreiro: “se a Xunta de Galiza muda os protocolos, os servizos técnicos do Concello estudarán a posibilidade de colocar barracas”

Noticias relacionadas