Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de festas, que aprobou as propostas de Pregoeira e Oferente a Rosalía.
Ferreiro: "Este ano contaremos cunha das voces máis recoñecidas de Galiza para dar comezo á gran festa do outono galego, a xornalista Cristina Lombao será a pregoeira das festas".
A ofrenda a Rosalía correrá a cargo da música Branca Villares, "unha persoa vinculada á recuperación da música tradicional en Lugo".
Maite Ferreiro afirmou que "estas mulleres renderán homenaxe á importancia de Lugo na cultura galega actual".

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Comisión de Festas, onde se valoraron os avances avances realizados de cara á organización do San Froilán 2025. Maite Ferreiro anunciou que a comisión de festas aprobou que a xornalista Cristina Lombao sexa a pregoeira desta edición das festas, "como recoñecemento a unha das voces máis relevantes da historia da radio en Galiza". A ofrenda a Rosalía correrá a cargo da música Branca Villares, "unha muller que traballa na recuperación da música tradicional, especialmente de Lugo".
Ferreiro que "o San Froilán non é só un calendario de concertos, senón unha oportunidade para mostrar a nosa identidade cultural e poñer en valor a Lugo como capital da cultura". "Queremos que veciñas e visitantes vivan a festa como unha experiencia colectiva, na que a música, a gastronomía e a tradición se unan", explicou a edil de Cultura.
A concelleira afirmou que a gran festa do outono galego contará cun programa "extenso e pensado para todas e todos os lucenses" no que se superarán as 200 actividades.
Cristina Lombao Ramos naceu en Lugo no 1964. Estudou publicidade e relacións públicas no CENP. Foi colaboradora de Radio Lugo - Cadena SER, RNE Galiza e no xornal El Sol. Desde 1988 traballa na Radio Galega, en Santiago primeiro e desde 1993 na delegación da Coruña. Entre 2007 e 2009 dirixiu e presentou o magacine O Tren do Serán na radio pública. En 1988 obtivo o premio Nacional de Artes e Tradicións Populares, do Ministerio de Cultura, por un prgrama da serie O bosque animado da Radio Galega que se realizou entre setembro de 1988 e xuño do 1990.
Branca Villares naceu en Lugo en 1980. Filla de gaiteiro e de formación musical maiormente autodidacta, a comezos dos 90 formou parte dos Colectivos Culturais María Castaña e Reviravolta de Lugo. Despois, durante case 10 anos en Liñaceira, referente para ela na experimentación vogal e nas percusións, traballando sempre coa música galega e portuguesa como base.
Ao longo dos anos foi percorrendo a montaña lucense, e outras partes do país, aprendendo ritmos e melodías de man das mulleres e homes que de vello os interpretaron (informantes e grandes mestres), cunha especial querenza polas culturas raianas e a vertente sociocultural e lúdica da música.
Leva colaborado con multitude de iniciativas de divulgación e socioculturais, teatro, didáctica para a rapazada e formacións corais, contemporáneas, orquestrais, jazz, rock... e entende que as pandeireteiras son cultura viva, capaces de enriquecer todas as expresións musicais posibles, comezando pola propia. E para iso, segue aprendendo a diario. Fixo parte de Eudemónicas e imparte aulas de canto tradicional e pandeira, pandeiro e pandeireta, así como de iniciación musical para alumnado novo en diferentes escolas municipais e colectivos culturais.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a comisión de festas | Descargar mp3


