Maite Ferreiro pide á veciñanza “responsabilidade e prudencia durante o San Froilán” pola emerxencia sanitaria

“As actividades culturais van seguir todos os protocolos sanitarios para garantir a seguridade da veciñanza”, explicou Maite Ferreiro

A edil de Cultura afirmou que “nas xuntanzas familiares debemos seguir tamén os protocolos para frear a expansión do virus”

Sábado, 03 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro pide á veciñanza “responsabilidade e prudencia durante o San Froilán” pola emerxencia sanitaria

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, pediu á veciñanza de Lugo que, coa chegada do San Froilán continúe a demostrar o mesmo nivel de responsabilidade ante a crise sanitaria que se demostrou nos últimos meses. “Este ano o San Froilán non vai ser unha festa, senón unha semana de actividades culturais onde a seguridade tanto de artistas como do público foi a área na que máis esforzo dedicamos desde a área de Cultura”, explicou Maite Ferreiro.

A edil de Cultura explicou que “malia non haber festas, é seguro que moitas familias continuarán a realizar as clásicas xuntanzas do San Froilán”, e pediu que “nestas xuntanzas, onde seguramente se reúnan persoas non convivintes, non se deixe de lado a precaución, xa que seguimos nunha situación de emerxencia sanitaria”. Maite Ferreiro destacou a importancia de seguir os protocolos tamén durante as reunións familiares xa que son estas, segundo os datos das autoridades sanitarias, as que producen o maior número de contaxios.

Noticias relacionadas