Maite Ferreiro inaugura a nova exposición “Leonardo da Vinci. Arte en la calle. Observa, cuestiona, experimenta”

A mostra situada na praza da Horta do Seminario permitirá ás persoas visitantes profundizar no pensamento e curiosidade do gran polímata florentino

Ferreiro: “É unha invitación a mergullarse na mente dun dos maiores xenios da historia para descubrir o legado que nos deixou”

A mostra estará aberta ao público dende o 5 de decembro ata o 15 de xaneiro do 2025

Mércores, 04 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro inaugura a nova exposición “Leonardo da Vinci. Arte en la calle. Observa, cuestiona, experimenta”

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, xunto á directora da Área de Negocio de CaixaBank en Lugo, Elena Rodríguez; a responsable territorial da Fundación “La Caixa” en Galiza, Susan Santos; e a asesora da mostra, Érika Goyarrola, presentaron hoxe “Leonardo da Vinci. Arte en la calle. Observa, cuestiona, experimenta”, unha nova mostra que se centra nun dos aspectos máis fascinantes do artista: o seu pensamento innovador e a súa curiosidade insaciable.

A exposición divídese en dous ámbitos: un espazo interior, onde os visitantes poderán afondar no pensamento do xenio renacentista, e un exterior, que trae á praza da Horta do Seminario catro maquetas a escala real baseadas nos deseños orixinais de Leonardo.

No interior, unha gran proxección audiovisual, creada especificamente para esta mostra, conecta a mirada de Leonardo co noso día a día no século XXI. Maite Ferreiro explicou que “as visitantes poderán experimentar con sete xogos interactivos, tanto analóxicos como dixitais, que exploran a creatividade e as innovacións de Leonardo a través de disciplinas como a enxeñaría ou a arte”.

No exterior, as maquetas, construídas con tecnoloxía moderna e materiais actuais, “ofrecen unha fiel interpretación dos debuxos de Leonardo, proporcionando unha visión única da súa capacidade inventiva”, concretou a concelleira de Cultura.

Realidade aumentada para descubrir a visión de Leonardo

A exposición amplíase ao mundo virtual coa aplicación móvil gratuíta ‘Leonardo CaixaForum’, dispoñible para dispositivos Android e iOS. Mediante a realidade aumentada, toda persoa que se achegue poderá visualizar como serían estas máquinas construídas cos materiais orixinais da época -como o ferro, a madeira ou o coiro- e ver os movementos tal e como o propio Leonardo os imaxinara.

A exposición “Leonardo da Vinci. Arte na Rúa: Observa, Cuestiona, Experimenta” “é unha invitación a mergullarse na mente dun dos maiores xenios da historia, e a descubrir, a través do xogo e a interacción, o legado que nos deixou”, declarou Maite Ferreiro.

Dende alí a concelleira quixo animar a toda a veciñanza a achegarse a esta experiencia única que combina historia, arte e innovación, e que estará dispoñible ata o vindeiro 15 de xaneiro do 2025.

Multimedia

  • Maite Ferreiro inaugura a nova exposición “Leonardo da Vinci. Arte en la calle. Observa, cuestiona, experimenta”
  • Maite Ferreiro inaugura a nova exposición “Leonardo da Vinci. Arte en la calle. Observa, cuestiona, experimenta”

Noticias relacionadas