Lugo, única cidade española finalista ao Access City Award, o galardón europeo de accesibilidade

A Comisión Europea vén de comunicarlle ao Concello, que Lugo está entre as sete cidades europeas finalistas a obter este galardón, o que pon de manifesto o importante traballo realizado en materia de accesibilidade

Lugo resultou finalista xunto ás cidades de Alessandria en Italia, Chester no Reino Unido, Funchal en Portugal, Jūrmala en Letonia, Róterdam en Holanda e Skellefteå en Suecia

Domingo, 23 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Comisión Europea vén de comunicarlle ao Concello, que Lugo está entre as setes cidades europeas finalistas a obter o Access City Award, o galardón europeo de accesibilidade que recompensa aos municipios de máis de 50.000 habitantes polo seu labor continuado na mellora por adaptar os espazos públicos a todas as persoas que viven ou visiten a cidade.

Deste xeito, Lugo é a única cidade española que resultou finalista, xunto ás cidades de Alessandria en Italia, Chester no Reino Unido, Funchal en Portugal, Jūrmala en Letonia, Róterdam en Holanda e Skellefteå en Suecia. Trátase dun feito que pon de manifesto o importante traballo realizado en materia de accesibilidade.

A entidade local resulta finalista deste galardón tras ser distinguida o pasado ano como mellor destino turístico accesible, un premio posto en marcha a través dun concurso por unha empresa líder en solucións de accesibilidade, distinción que se sumou ao Premio Reina Sofía de Accesibilidade. Estes recoñecementos enmárcanse na aposta do Goberno Municipal por acadar unha accesibilidade universal, pola igualdade de oportunidades, da dignidade das persoas e da autonomía da cidade, co fin de facela máis integradora.

O Concello remitiulle unha memoria á Comisión Europea, na que se recollen todas as actuacións e accións realizadas pola entidade local nos últimos anos en aras de eliminar as barreiras arquitectónicas e conseguir unha igualdade real e efectiva.

Entre estas accións destaca a creación dunha Ordenanza Municipal de Supresión de Barreiras Arquitectónicas e a posta en marcha do Gabinete Municipal de Accesibilidade, onde se garante a participación de colectivos de persoas con problemas de mobilidade. En materia de accesibilidade, o Concello no último ano sinalizou 43 novas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos da cidade, acometeu obras de mellora en rúas como a Avenida da Coruña, Montevideo, Ronda da Muralla ou Lamas de Prado, puxo en funcionamento colectores adaptados e asumiu o mantemento do ascensor da Muralla que facilita a accesibilidade a este monumento bimilenario.

Nesta liña de actuación, este luns darán comezo as obras de accesibilidade nas prazas Maior, da Soidade e Pío XII, que consisten en substituír o adoquín, que supón unha dificultade de mobilidade, por un itinerario de baldosa de granito. Unhas actuacións nas que a entidade local inviste máis de 153.569 euros.

Ademais, tamén se levarán a cabo actuacións de mellora da accesibilidade en catorce rúas da cidade, entre as que figuran Miguel de Cervantes, Cadramón, Cedro, García Abad, Doutor Gasalla, Agro da Torna, San Xillao ou Río Sil, entre outras. Para estas tarefas o Concello destina máis de 44.000 euros.

Noticias relacionadas