Lugo homenaxea a Raúl Ferreira, o primeiro español da historia que ingresa no ballet do Teatro Mariinsky

A Alcaldesa presidiu a recepción da Corporación, na que destacou o gran orgullo dos lucenses polo fito que marcou este rapaz de 19 anos, “froito da súa aptitude e actitude, dun gran esfrozo, disciplina, moito adestramento, pero tamén da ilusión e da paixón coa que vive a danza”

Lara Méndez invitou a Ferreira a “facer de embaixador de Lugo por todo o mundo” e desexoulle sorte e éxitos na súa nova etapa

Venres, 25 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo homenaxea a Raúl Ferreira, o primeiro español da historia que ingresa no ballet do Teatro Mariinsky

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu a recepción que lle tributou este venres a Corporación municipal ao bailarín lucense Raúl Ferreira Fernández polo “fito histórico que marcou”, pois, con tan só 19 anos, converteuse no primeiro español da historia en formar parte da plantilla fixa do corpo de ballet do Teatro Mariinsky de San Petesburgo, berce e referencia da danza clásica a nivel internacional. Ao acto, celebrado no Salón de Plenos, acudiron os concelleiros de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, ademais de representantes do PP, Ciudadanos e ACE. O BNG escusou a súa ausencia.

Lara Méndez expresou no seu nome, no de toda a Corporación e no do pobo de Lugo o “gran orgullo” que supón que un lucense marque este “fito histórico” no mundo da danza clásica, que “aínda pon máis en valor o feito de que tan só outros dous estranxeiros forman parte do ballet do Teatro Mariinsky”, un logro que, engadiu, é froito da “aptitude e actitude” de Raúl Ferreira, “dun gran esforzo, disciplina, moitísimas horas de adestramento e dedicación, pero tamén dunha gran ilusión e paixón pola danza, o que lle permitirá brilar en escenarios de todo o mundo e progresar na súa carreira profesional”. Así mesmo, felicitou á familia do bailarín, que acudiu á recepción acompañado de súa nai e seu irmán máis novo, polo apoio moral e económico para que puidera chegar tan alto.

A Alcaldesa, que entregou a Raúl Ferreira como agasallos institucionais unha reproducción da Mosquera e un libro sobre a cidade, invitou a Raúl Ferreira a “ser embaixador de Lugo en San Petesburgo e por todo o mundo”, ademais de desexarlle “sorte e moitos éxitos” na súa nova etapa.

Traxectoria impresionante

Con só 19 anos, a traxectoria de Raúl Ferreira é impresionante. Converteuse este verán no primeiro español en ser contratado na plantilla fixa dun dos mellores corpos de ballet de teatro do mundo: o Teatro Mariinsky de San Petersburgo. Marca un fito histórico en España, pero tamén a nivel internacional, pois é un dos poucos estranxeiros que logrou entrar. De feito, só hai outros dous: o británico Xander Parish, dende o 2010, e o surcoreano Kimin Kim, dende o 2012. Este ano, xunto a Raúl Ferreira, integrarase unha bailarina francesa.

Foi alumno durante 10 anos do Conservatorio de Danza de Lugo, onde terminou o grao Profesional de Danza Clásica. Dende hai dous anos  ultima a súa formación como bailarín na escola Vaganova de San Petersburgo, dependente do Teatro Mariinsky, donde se formaron, entre outros, Rudolf Nureyev e Anna Pavlova, e para a que compiten cada ano 3.000 candidatos para 60 prazas. Incorporarase ao seu novo posto o 1 de setembro.

Aos 16 anos decidiu dedicarse profesionalmente á danza, que, admite, é a súa vida.  O mediano de tres irmáns, compatibiliza a formación como bailarín co estudos no instituto e aprende ruso, idioma que xa domina.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a homenaxe a Raúl Ferreira | Descargar mp3

Noticias relacionadas