Luce Lugo adaptará a colocación dos colectores de lixo temporais no Centro Histórico co obxectivo de compatibilizar as necesidades do uso comercial, hostaleiro e residencial

A empresa concesionaria do servizo de limpeza fará unha sectorización do espazo de forma que os usos predominantes por zonas sexan tidos en consideración á hora de colocar os puntos de recollida temporais.

“Esta medida permitiranos mellorar o ornato público e minimizar unha práctica que afea a imaxe do centro a esa hora como é o depósito de bolsas de residuos e embalaxes na vía pública”, asegurou o edil.

Xoves, 18 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Luce Lugo adaptará a colocación dos colectores de lixo temporais no Centro Histórico co obxectivo de compatibilizar as necesidades do uso comercial, hostaleiro e residencial

O Executivo de Paula Alvarellos, a través do concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, anunciou esta mañá que o servizo municipal de limpeza Luce Lugo adaptará o horario de colocación dos colectores para a recollida de lixo no Centro Histórico. O obxectivo desta lixeira variación do sistemas é adecuar o servizo ás necesidades das distintas actividades que se desenvolven en este punto neurálxico da cidade. A empresa concesionaria do servizo de limpeza fará unha sectorización do espazo para deseñar a programación de forma que os usos predominantes nas distintas zonas sexan tidos en consideración á hora de colocar os puntos de recollida temporais.

“No caso das rúas cunha maior presenza comercial, adiantaremos sobre media hora o inicio da instalación dos colectores. Deste xeito, na franxa horaria correspondente ao peche dos comercios contaremos con todos os contedores prestando servizo.  Esta medida permitiranos ademais minimizar unha práctica que afea a imaxe do centro nese momento do día como é o depósito de bolsas de residuos e embalaxes e restos de cartón na vía pública. Algo que redundará nun maior ornato público proxectando unha mellor imaxe da nosa zona histórica”, sinalou o edil.

“Esta iniciativa, demandada pola veciñanza, permitiranos tamén cubrir de forma máis efectiva as necesidades do barrio e harmonizar os distintos usos desta zona tan concorrida. O obxectivo é compatibilizar as particularidades do sector hostaleiro coa actividade comercial e as necesidades dos residentes desta zona”, concluíu Miguel Fernández quen sinalou que os cambios no sistema serán visibles ao longo dos próximos días.

Audio

  • O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre os colectores para a recollida de lixo no Centro Histórico | Descargar mp3

Noticias relacionadas