A linguaxe e a comunicación, temas centrais do novo número de Foeminas

Xoves, 19 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O número de febreiro da revista Foeminas céntrase na linguaxe e na comunicación, reflexionando e debatindo en torno as accións cotiás ligadas cos significados das palabras, as mensaxes e as imaxes.

Preséntase en Portada a segunda parte do artigo de Cristina Corral Soilán chamado "Limitacións na linguaxe non verbal: a imaxe da muller na publicidade” e a habitual reflexión de Portada leva por título "Conseguirás que non che nomee nunca máis" que intenta advertir sobre o uso dunha linguaxe máis plural e equitativa co xénero feminino.

Doutra banda, a sección Enlazad@s toma tamén como eixe central a linguaxe, o discurso e a comunicación cun artigo denominado "O que non se nomea non existe". A sección Contemporáne@ recorda o ingreso da Profesora Margarita Ledo Andin na Academia das Letras Galegas.

Ademais, a sección Fale dela, recentemente estreada, permite coñecer a vida da Corraleira a través da mirada e o relato de Antonio López. En Historia de Mulleres, coincidindo coa toma de posesión de Barak Obama, ofrece a conmovedora historia de quen foi coñecida como a "nai dos dereitos civís" en EE.UU. : Rosa Parks.

A Galería de Arte ofrece o traballo da destacada e tamén esquecida pintora mexicana Mara Izquierdo, mentres que en Mullerciclopedia apúntase o primeiro libro de poemas de Lupe Gómez chamado "Pornografía".

Tamén están presentes e renovadas as seccións de Viaxeiras, Foeminas panorámica, Mullerecetario e Noticias.

Noticias relacionadas