A alcaldesa lucense, seguindo o compromiso adquirido polo presidente da Xunta, ínstao a dar unha rápida resposta co fin de adecuarse aos prazos aos que obriga a convocatoria da subvención.
Maniféstalle a súa sorpresa polas palabras da candidata do PP, renegando deste compromiso, e lembra que o Museo será para Galicia e que albergará patrimonio titularidade da Xunta.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, enviou esta mesma mañá unha carta a Alfonso Rueda, urxíndoo a manter unha reunión para estudar o financiamento da obra do Museo da Romanización coas axudas europeas.
A rexedora, seguindo o compromiso adquirido polo presidente da Xunta na última visita que fixo á cidade, en outubro - cando anunciou que colaboraría co Concello na financiación da rehabilitación do Cuartel de San Fernando como futuro Museo da Romanización de Galicia e do Noroeste Español - o insta agora a dar unha rápida resposta co fin de adecuarse aos prazos aos que obriga a convocatoria de axudas europeas para rehabilitar BICs sitos nos Centros Históricos do país.
Méndez incide no seu escrito na “valiosísima oportunidade que supoñen, para Lugo, as axudas convocadas para reformar edificios considerados Bens de Interese Cultural, como é o caso de San Fernando, co obxecto de poder concorrer a elas para levar a cabo a reconversión do inmoble”.
O Concello achegou no seu día 3 millóns de euros para adquirir a construcción tras pechar un convenio co Goberno galego, que o rehabilitaría. “A Xunta de Galicia paralizou este proxecto hai 10 anos, polo que para Lugo foi moi satisfactorio escoitarche que, de novo, se recuperaba ese compromiso que permitirá reunificar as máis de 15.000 pezas catalogadas das que se compón o patrimonio arqueolóxico lucense, e que son de titularidade autonómica, que agora se atopan diseminadas por distintos centros museíscos e mesmo nas vivendas particulares dos arqueólogos á espera de crear o Museo”.
Ao mesmo tempo, a alcaldesa manifestou a Rueda a súa sorpresa polas palabras da candidata do PP, renegando deste compromiso, e insistiu en que o Museo será para Galicia.
“Temos agora unha nova oportunidade de avanzar na creación desta importantísima infraestrutura cultural con achegas dos Next Generation, pero estas axudas necesitan dun compromiso absoluto para a súa execución, un compromiso que a vosa candidata acaba de poñer en entredito”, lamenta no seu escrito.
Méndez quixo aproveitar a súa misiva para lembrarlle ao presidente da Xunta a significancia do Museo, “que alén dunha obriga que temos co coidado do noso patrimonio, é un desexo unánime da sociedade lucense” e puxo en valor tanto o calado dos achados atopados no edificio – que se poderían musealizar in situ – como tamén a súa potencialidade para ser centro de investigación e divulgación “cun enorme atractivo turístico de calidade para a cidade de Lugo e para o resto da comunidade autonómica”, concluíu.