Lara Méndez prevé a modificación dos espazos públicos para que a hostalaría poida ampliar as terrazas

A alcaldesa de Lugo explicou hoxe esta planificación durante a Comisión de Tráfico e sentará as bases definitivas cos hostaleiros nunha reunión o vindeiro luns

As medidas adoptadas terán unha provisionalidade de tres meses aínda que, de ser preciso, a súa duración poderá estenderse. Durante este tempo o sector quedará exento do pago da taxa por ocupación da vía pública

Venres, 08 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez prevé a modificación dos espazos públicos para que a hostalaría poida ampliar as terrazas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicou durante a reunión da Comisión de Tráfico celebrada esta mañá, que ela presidiu, as pautas que rexerán a xestión dos espazos públicos co fin de que a hostalaría local poida ou ben ampliar as terrazas das que dispoñen ou ben instalalas no caso daqueles establecementos que agora non teñen e así o desexen. A rexedora avanzou que esta planificación terá un carácter excepcional xa que o obxectivo será axudar á recuperación da actividade dun dos principais sectores económicos da cidade.

Neste sentido, as medidas artelladas estarán baseadas, principalmente, en cinco supostos: a ampliación das terrazas nas zonas peonís que así o permitan; o estudo das rúas que se poidan cortar ao tráfico tanto para favorecer a súa colocación como para incrementar as zonas de paseo da cidadanía; a instalación de mesas e cadeiras en vías de anchura suficiente ou, en caso contrario, valorarase a utilización, ao efecto, dalgunhas áreas de aparcadoiro sitas en fronte e, por último, analizarase a posibilidade de ubicar terrazas  en prazas amplas, como poden ser as de Augas Férreas, Bretaña ou Camiño Primitivo.

“Pero sempre - subliñou Méndez - facendo compatible a recuperación económica destes negocios co mantemento do espazo necesario para a circulación de vehículos de emerxencia e co dereito da veciñanza para desprazarse pola cidade sen barreiras polo que, indicou, apelamos tamén á responsabilidade das e dos empresarios, para garantir a convivencia de todas estas circunstancias”.

A alcaldesa tamén destacou outras das normas que se deberán ter en conta para esta nova reorganización de espazos públicos, como é que os locais deberán axustarse á mesma normativa de actividade e sinalizar a distancia de seguridade. Ademais, nalgúns casos a ocupación do mobiliario non deberá exceder a lonxitude das fachadas dos establecementos hostaleiros e o seu funcionamento terá un marco horario.

Lara Méndez explicou que a planificación definitiva se estudará co propio sector, co que manterá unha reunión este luns para consensuar pormenorizadamente os termos.

“O obxectivo é poder axudalo a sobre levar os efectos desta crise sanitaria, tendo en conta a súa importancia dentro da economía local, co fin de minorar os danos que seguro sufriremos; sendo conscientes de que se trata dunha realidade común a todos os municipios e durante a cal o Concello de Lugo continuará a ofrecer apoio, de maneira xeral, a todo o tecido produtivo como estamos a facer dende o primeiro día da pandemia”, sinalou a rexedora.

As medidas decretadas terán unha provisionalidade de tres meses aínda que, de ser preciso, a súa duración poderá estenderse. Durante este tempo a hostalaría seguirá quedando exenta do pago da taxa por ocupación da vía pública.

Noticias relacionadas