Lara Méndez presenta o gran mural artístico que se pintará na Rolda da Muralla para poñer en valor a cultura castrexa lucense

Representa unha guerreira, obra do muralista lucense, Manuel Pallín, ataviada con elementos característicos como arracadas, unha fíbula, colar castrexo e puñal de antena.

A alcaldesa de Lugo espera que este traballo, que tamén se verá desde a Muralla romana, se converta noutra icona da cidade como o é xa o Julio César, de Diego As.

A rexedora destacou o valor deste graffiti de enorme calidade para a historia da cidade, o papel das mulleres castrexas e o Arde Lvcvs, Festa xa de interese Internacional.

As cores do mural, que conta co visto e prace de Patrimonio, están pensadas para respectar a contorna da Muralla, Patrimonio da Humanidade.

Luns, 27 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta o gran mural artístico que se pintará na Rolda da Muralla para poñer en valor a cultura castrexa lucense

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe a imaxe do gran mural que se pintará nunha medianeira do edificio número 158 da Rolda da Muralla para poñer en valor a cultura castrexa lucense. Un compromiso adquirido pola rexedora para que, coincidindo co recoñecemento do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional, esta teña unha presenza prominente como a que ten xa o mural de Julio César, de Diego As, vinculado ao legado romano.

Será unha guerreira castrexa a que se representará, ataviada cos elementos característicos como son as arracadas (pendentes femininos), unha fíbula como pasador da roupa, un colar castrexo e un puñal de antena. Obra do gran muralista lucense, Manuel Pallín (Concepto Circo), a rexedora avanzou que “estivo asesorado para este magnífico traballo, de enorme calidade, pola directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e polo arqueólogo Enrique Alcorta, aos que agradecemos a súa colaboración”.

“Estamos seguros de que a nosa guerreira se converterá noutra icona de Lugo, como Julio César, considerado como o Mellor Mural do Mundo 2021, e permitiranos valorizar e visibilizar con orgullo o noso pasado e a nosa historia ao mesmo tempo que se promocionará como un recurso turístico xa que tamén se poderá admirar desde a Muralla”, sostivo Lara Méndez, que estivo acompañada na presentación polo concelleiro de Xuventude, Maurico Repetto e o autor, Manuel Pallín.

A obra conta xa coa autorización de Patrimonio e estará pintada cunha gama cromática de grises e beiges para ser respectuosos coa contorna da Muralla, Patrimonio da Humanidade,

Méndez destacou, así mesmo, que “con este mural queremos, ademais, amosar  o papel que as castrexas tiveron hai 2.000 anos na defensa da súa terra dominada entón polos romanos, pero tamén o protagonismo das mulleres no Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións”. Neste senso, lembrou que, no 2021, Lugo recibiu o galardón Tourism Women Friendly, promovido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE), pola visibilización da muller nesta festa de recreación histórica.

Impulso da arte urbana desde o 2009

O Concello de Lugo leva impulsando a arte urbana desde o 2009, como unha forma de expresión que non só embelece a cidade, senón que permite enxalzar ideas e valores.

Desta maneira, a cidade se está posicionando no ámbito nacional e internacional como un referente, sendo a única urbe que ten unha espazo convertido en museo de arte urbana ao aire libre como é a rúa do Esquecemento.

O edil Mauricio Repetto informou, ademais, que xa finalizaron os tres novos murais nas Casas Sindicais, “pintados a través do Urban Cores e que complementan os que xa fixemos nesa zona a través deste programa que suma dúas edicións e co que, non só estamos a fomentar a arte urbana e contemporánea, senón que ten unha importante compoñente social xa que permite achegar á mocidade ao arte a través da formación e a participación nos diferentes traballos”.

Audio

Noticias relacionadas