Lara Méndez pon en valor o patrimonio inmaterial de Lugo en FITUR como unha fortaleza turística que complementa ao patrimonio monumental, gastronómico e paisaxístico

O Concello presentou na feira internacional a nova campaña de turismo Saber e Sabor, “pensada para paladear e gozar con detemento cada un dos grandes e pequenos descubrimentos, culturais e gastronómicos, que ofrecemos en Lugo”

Xoves, 24 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en valor o patrimonio inmaterial de Lugo en FITUR como unha fortaleza turística que complementa ao patrimonio monumental, gastronómico e paisaxístico

A Alcaldesa, Lara Méndez, puxo en valor este xoves, durante a súa presentación da campaña promocional de Lugo na Feira Internacional de Turismo (FITUR), o patrimonio inmaterial lucense, relacionado co modelo de cidade, sustentable, inclusivo, humano e accesible, como unha fortaleza turística que complementa á súa riqueza histórica, monumental, paisaxística e artística. Durante a súa intervención, a rexedora destacou que o obxectivo é que o visitante “viva toda unha experiencia” non só de coñecemento das súas riquezas visibles senón tamén vinculada coa calidade de vida indiscutible da cidade”.

Méndez repasou en FITUR, unha dos encontros turísticos máis importantes a nivel mundial, os atractivos e reclamos turísticos de Lugo como os tres Patrimonios da Humanidade recoñecidos, a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo,  a Vía Küning, os seus museos ou o turismo termal. Destacou, ademais, o impulso da cultura a través das dúas festas de interese turístico nacional como San Froilán, “o sinal de identidade da tradición e do talante do lucense”, e o Arde Lucus, “a recreación do noso pasado romano“, ás que se suma agora unha nova cita, o Caudal Fest, festival de música que no seu primeiro ano de vida atraeu a mais de 22.000 persoas.

Pero Lugo, sostivo, quere ir máis aló coa posta en valor do patrimonio inmaterial “como cidade sostible e respectuosa co medio ambiente”, recuperando a parte ambiental, o cinto verde e a creación de novos espazos naturais. Tamén falou do traballo en favor de Lugo como “cidade pensada para as persoas”, e puxo como exemplo a boa accesibilidade, que lle valeu o recente recoñecemento da Fundación Telefónica como cidade Mapcesible, que se concede aos municipios que máis traballaron para adaptar os espazos públicos facilitando a autonomía das persoas con discapacidade. No ano 2015 tamén recibiu a distinción de Destino Turístico Accesible de España.

Méndez explicou tamén que se avanza cara a conseguir unha cuarta candidatura para que todo o centro histórico sexa declarado Patrimonio da Humanidade e que solicitará ser destino gastronómico, “un reclamo especialmente importante”.

Neste sentido, a Alcaldesa e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, presentaron o novo vídeo promocional, o cuarto da campaña Vén, é Lugo, que se denomina Saber e Sabor, “palabras non elixidas ao azar, senón pensadas con mimo para convidar a paladear e a gozar con detemento cada un dos grandes e pequenos descubrimentos, culturais e gastronómicos, que ofrecemos no noso concello”. Por iso, convidaron aos viaxeiros a perderse nos recunchos de Lugo e a celebrar a súa gastronomía e patrimonio, así como a recomendar a experiencia completa.

Na presentación da campaña de Lugo estiveron tamén presentes a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, alcaldes da provincia e empresarios de Lugo, entre unha nutrida representación lucense.

Lara Méndez tamén tivo ocasión de falar coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

Multimedia

  • Lara Méndez pon en valor o patrimonio inmaterial de Lugo en FITUR como unha fortaleza turística que complementa ao patrimonio monumental, gastronómico e paisaxístico

Noticias relacionadas