Lara Méndez: “Os orzamentos de 2022, de 106’8 millóns de euros, serán motor da recuperación económica e social e impulso da cidade verde”

O Executivo lucense presentou hoxe un proxecto orzamentario, que volve ser expansivo e solidario e continuar coas medidas implementadas este ano para saír reforzados da crise.

A rexedora sinalou que “co investimento, de 11 millóns de euros, ao que se sumarán 8 millóns máis dos fondos Next Generation, avanzarase na Segunda Transformación iniciada no 2015”.

Rubén Arroxo destacou que “estes orzamentos fan unha cidade amable para as persoas”, e anunciou obras en rúas e alumeado por valor de 2’8 millóns de euros”.

O emprego é unha das grandes prioridades do Executivo de Lara Méndez, que impulsa con 4’8 millóns o emprendemento, que se sumará a reindustralización do Lugo Transforma”.

Destinaranse para políticas sociais preto de 30 millóns de euros, o 28% do orzamento, onde destaca o crecemento nun 12% para o Servizo de Axuda no Fogar e dun 39% para o Centro de Día.

Medio Ambiente destinará 1,8 millóns para o Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís en todos os barrios e no acondicionamento de espazos e prazas públicas.

Miguel Fernández xestionará os maiores contratos de servizos, a limpeza da cidade e recollida de lixo, con 13 millóns anuais, e o mantemento de zonas verdes, de 3’4 millóns.

Venres, 10 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “Os orzamentos de 2022, de 106’8 millóns de euros, serán motor da recuperación económica e social e impulso da cidade verde”

“Manter o potente escudo social de protección á cidadanía, consolidar a senda da recuperación e diversificación económica que puxemos en marcha este ano co maior investimento municipal da nosa historia para ese fin e o avance na Segunda Gran Transformación de Lugo cara unha cidade sostible e verde na que as persoas sexan o centro de acción, iniciada no mandato pasado, son os eixos que marcar os orzamentos para o 2022”, segundo avanzou hoxe a Alcaldesa, Lara Méndez.

A rexedora presentou o proxecto orzamentario, “que volve ser expansivo e solidario”, acompañada polos voceiros e tenentes de alcaldesa, Rubén Arroxo e Miguel Fernández.

A rexedora explicou que os orzamentos “están pensados para ser motor da reanimación da vida social e económica que comeza a ver a luz tras dous anos marcados pola dureza da pandemia e pola crise que conlevou, e na que debemos seguir envorcando todos os nosos esforzos , liderando as políticas públicas que acompañen a todos e a cada un dos veciños e veciñas da nosa cidade”.

Neste senso, lembrou que a efectividade das vacinas é “a que nos está aportando esa ilusión que, aínda con cautela, nos achega pouco a pouco á normalidade das nosas vidas, pero como Administración local, temos a obriga de non baixar a garda ante escenarios aínda incertos, e de seguir ofrecendo todas as solucións que estean ao noso alcance para minimizar o dano económico e social desta situación, continuando coa conduta de goberno proactiva e de anticipación que estamos a levar dende o inicio da crise e tamén temos a obriga de conseguir que, unha vez superada esta, saiamos reforzados da mesma”.

Rubén Arroxo tamén destacou estes orzamentos, “que fan unha cidade amable para as persoas”, e que van permitir xerar traballo en Lugo e estabilizar o emprego xa existente, “ademais de continuar coa mellora da cidade executada polo Goberno de Lugo estes anos".

Lara Méndez explicou neste contexto as contas para o 2022, que ascenden a 106’8 millóns de euros (106.876.755 euros), case medio millón máis que o ano pasado, o que supón un crecemento do 6’8%respecto ao exercicio do 2020.

Esta folla de ruta está baseada nunha seria e rigorosa planificación de gastos e ingresos. En canto a estes últimos, a Alcaldesa incidiu en que se espera manter a previsión dos procedentes dos impostos directos e indirectos, “e máis concretamente, esperamos un bo comportamento da recadación vinculada ao imposto de construcións acorde coa medidas que activamos e ás que activaremos co fin de axilizar os trámites para a obtención dos títulos habilitantes preceptivos”. Así mesmo, destacou o crecemento nun 31’1% das achegas procedentes do Estado pola vía participación nos seus tributos, que pasará de 17’5 millóns de euros a 23 millóns no 2022.

Ademais, o Concello recorrerá a endebedarse en 5’6 millóns de euros, “mecanismo que utilizamos por primeira vez nos orzamentos do 2021 desde que no meu mandato pasado acadamos a débeda 0”, sostivo Lara Méndez, que aclarou que “non descartamos que, como fixemos tamén neste ano, poidamos substituír esta fonte de financiamento polos aforros do remanente, unha vez que coñezamos as magnitudes de aforro estrutural derivadas da liquidación orzamentaria”.

A rexedora aseverou que “a previsión de recadación para 2022 remítenos a escenarios previos á pandemia e a implementación do fondo de capital emprendedor “Lugo Transforma” actuará como impulso de cambio económico da cidade, sen esquecer o indubidable efecto positivo que, como xa dixen, a chegada dos fondos europeos Next Generation vai ter sobre a actividade económica xeral”.

Políticas públicas para loitar contra a desigualdade

Lara Méndez apuntou que os orzamentos do 2022 destinarán para políticas sociais preto de 30 millóns de euros, o 28% do orzamento, “políticas que son a marca dos mandatos progresistas de Lugo desde os seus inicios. O foron co meu predecesor Orozco, e o son tamén nos meus”, aclarou para indicar que se traballa “para acadar mellores niveis de calidade de vida, atender aos colectivos máis vulnerables e integrar aos sectores máis desfavorecidos, así como para fomentar a oferta educativa, deportiva, cultural e turística, e marcando, así mesmo, unha implicación decidida dos distintos sectores sociais e económicos como impulsores dos cambios”.

Deste orzamento, destacan os preto de 12 millóns dirixidos aos programas sociais de benestar, persoas maiores e infancia, e o incremento dun 12’18% (454.335 euros) ao servizo de Axuda no Fogar, chegando ata os 4’2 millóns de euros, co fin atender aos maiores na súa contorna comunitaria o maior tempo posible.

Así mesmo, crecerá un 39% a partida de atención para os centros de día, cun investimento de 681.391’25 euros, e consolidaranse as axudas de emerxencia social e ao aluger, cun investimento de 600.000 euros, así como os programas de inserción social, cunha partida de 216.247 euros.

En relación ao Servizo de Igualdade e a Casa da Muller, o desenvolvemento do IV Plan de Igualdade e a prevención á violencia machista son os retos máis destacables, e contarán para iso con máis de 800 mil euros (808.070 euros).

A mocidade terá tamén un papel destacado, nunha área que contará cun orzamento de preto dun millón de euros para impulsar programas de lecer, formación e empregabilidade, e para a posta en marcha do Consello da Mocidade, mentres que para a promoción do deporte e da vida saudable destinaremos 3’3 millóns de euros.

O maior impulso económico municipal da historia

O impulso económico é unha das máis importantes apostas do Executivo lucense, “e este orzamento ven a consolidar a senda que nos marcamos na Segunda Gran Transformación de Lugo para diversificar o modelo produtivo, senda na que estamos a destinar a maior inversión da historia con este fin, buscando a innovación e a vangarda, a través do fondo emprendedor municipal Lugo Transforma, de 12 millóns de euros, que se comezará a executar no 2022 servindo de impulso á economía verde, ao talento e á creación de emprego sostible”, comentou.

Lara Méndez anunciou tamén que se priorizarán iniciativas de creación e promoción de postos de traballo desde a área de Desenvolvemento Local a través do emprendemento cun investimento de 4’6 millóns de euros, do que destacan as partidas vinculadas aos obradoiros de formación por importe de 327.832 euros, e “sen esquecer o desenvolvemento da estratexia da dinamización económica do comercio local que alcanzará a todos os barrios, dun millón de euros, aprobado no pasado mandato e que se desenvolverá durante o 2022”.

Tamén valorou a rexedora outras partidas como grandes dinamizadoras da vida social e do comercio local, como as do festival Caudal Fest, con 217.800 euros, o Arde Lucus, seña de identidade da cidade que mantén a súa dotación de 350.000 euros, ou as festas patronais de San Froilán, que incrementan o seu crédito en 200.000, ata un importe de 1.000.000 de euros. Arroxo incidiu en que “se apostará polas creadoras e creadores de cultura de Lugo, ao mesmo tempo que traemos eventos de primeira calidade e recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional”.

A alcaldesa referiu que, sen dúbida, a partida de investimentos públicos será un enorme revulsivo para mobilizar a economía e o emprego. Este ano, a mesma ascende a 11’1 millóns de euros, que aínda que nun principio diminúa en 3 millóns respecto ao 2020, logo ascenderá a un mínimo de 20 millóns coa incorporación dos 8 millóns dos Fondos Next Generation solicitados para finalizar a peonalización do Casco Histórico e a actuación na Praza de Santo Domingo.

“Cos investimentos seguimos apostando polo desenvolvemento dos barrios, a mellora da mobilidade e da accesibilidade e polo deseño da cidade do futuro, afondando nas liñas de modelo sostible fixado no anterior mandato e que incluirá partidas moi importantes”, aclarou a Alcaldesa.

Entres estas obras, destacan:

  • Un importe de 2.880.000 euros para pavimentar rúas da cidade e o alumeado.
  • 190.000€ para renovación do Cemiterio Municipal e creación dunha zona expositiva
  • 100.000€ para realizar distintas melloras. Renovarase a climatización tanto da Praza como do Mercado.
  • 1.200.000 euros para a posta en marcha do Plan de Intervención e Mellora de zonas de xogo infantil en todos os barrios.
  • 660.000 euros para a remodelación de espazos urbanos, prazas e xardíns urbanos, que impulsará a concellería de Medio Ambiente, a cargo do tenente de alcaldesa Miguel Fernández.
  • 365.000 para mellorar nos espazos rurais.
  • 2’5 millóns de euros para o avance das obras DUSI Muramiñae para humanizar o barrio do Carme e impulsar a accesibilidade na contorna do Miño, así como na mellora do patrimonio, con obras como, entre outras accións:
    • A peonalización da Calzada da Ponte
    • O coliving artístico municipal no Carme
    • A zona axardinada en lembranza da cidadanía en tempos da Covid
    • A peonalización da Rúa do Carme

Pola súa banda, Rubén Arroxo destacou obras como a mellora da seguridade peonil na rúa Gallego Tato, como “actuación dentro da mellora do plan de calmado de tráfico nas contornas escolares”, a renovación das rúas Lamas de Prado e o estudo da posible peonalización de Camiño Real entre Concepción Arenal e a Rolda.

Anunciou partidas que en total suman 410.000€ para as renovacións das rúas Xesús Bal y Gay (210.000€) e da praza de Alacante (200.000€), así como 300.000€ para renovar o alumeado e a pavimentación de Aquilino Iglesias Alvariño e 200.000 para o alumeado nas rúas Hermanitas, Dinán e na praza de Bretaña. Contémplanse tamén 400.000€ para actuacións nas zonas industriais e 800.000€ para renovar pavimentacións de calzadas e beirarrúas.

Así mesmo, a Alcaldesa lembrou que o Goberno municipal asumiu como prioridade aprobar na súa totalidade o ordenamento urbanístico, tramitar a revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana para demoler o Garañón e crear unha nova zona verde nas costas do parque Rosalía de Castro, pulmón da cidade; ou o desenvolvemento do Plan Biodinámico que se acometerá en 2022 e demais actuacións urbanísticas para as que existía crédito en 2021 e que se consumarán no vindeiro ano.

Méndez tamén destacou o proxecto para construír as novas instalacións para a Protectora de Animais, que se van realizar en 2022 co compromiso financeiro da Deputación.

Mellora dos servizos a cidadanía acorde co modelo de cidade

O modelo de cidade sostible terá tamén un reforzo, especialmente, no gasto dos servizos e gastos correntes, que crecen un 3’13%, ata os 55’4 millóns de euros, o que supón a metade do orzamento. Segundo a Alcaldesa, “o obxectivo é dar resposta aos retos das sociedades modernas en materia de mobilidade e evolucionar cara modelos económicos de baixo consumo de carbono e de menor consumo enerxético, facéndoo con criterios de equidade social e reparto xusto da riqueza. É, en suma, o reto da sostibilidade” .

Neste senso, avanzou que unha mobilidade sostible e segura implica garantir que os nosos sistemas de transporte respondan ás necesidades económicas, sociais e medioambientais, reducindo ao mínimo as súas repercusións negativas. “Con este obxectivo, incrementarase en preto de 300.000 euros, ata os 2’6 millóns de euros a partida destinada ao autobús urbano, para que se poidan implantar modificacións, e impulsaremos accións de promoción do uso da bicicleta, xa que no 2022 estarán xa operativos na súa totalidade os 14 quilómetros de senda verde ciclista.

Miguel Fernández afondou en que “a partida de servizos á que destinaremos máis recursos, case o 25% do total, é a dirixida a implantar o novo servizo de limpeza e recollida de residuos, que leva un orzamento de 13.800.889 euros, o que suporá un xiro na imaxe da nosa cidade”, e avanzou que “comezaremos tamén co novo contrato de conservación e mantemento das zonas verdes e arboredo, outra das nosas prioridades máximas, á que imos dedicar 3.347.163 euros, cun incremento de 1.438.758 euros co que se duplicará o destinado á esta prestación”.

Área de Persoal

Para facer fronte a todos estes servizos son necesarios os recursos humanos, e o capítulo de persoal tamén crecerá no 2022, concretamente un 8’38%, alcanzando un importe de 32’9 millóns de euros (32.922.772 €), é dicir, aproximadamente o 30’80 % do orzamento total do Concello de Lugo.

“Neste capítulo - apuntou a rexedora - recóllense as contías necesarias para dar cobertura ao aumento previsto do 2% nas retribucións do conxunto dos empregados municipais para o ano 2022, ás ofertas de novas prazas para dotación de persoal que afiance o funcionamento dos servizos así como aquel outro que permita xestionar con eficiencia proxectos concretos financiados con recursos externos, co convencemento de que unha parte fundamental do labor municipal é xestionar o seu capital humano.

E, ao mesmo tempo, continuarase a dar pasos no Plan Director da e-administración, que pasa a contar con máis de 100.000 euros de investimento no 2022, sen contar aquelas actuacións que serán sufragadas con fondos europeos e que se situarán preto dos 700.000 euros dentro do programa EDUSI.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os orzamentos do 2022 | Descargar mp3
  • O edil Miguel Fernández, sobre os orzamentos do 2022 | Descargar mp3
  • O edil Rubén Arroxo, sobre os orzamentos do 2022 | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez: “Os orzamentos de 2022, de 106’8 millóns de euros, serán motor da recuperación económica e social e impulso da cidade verde”
  • Lara Méndez: “Os orzamentos de 2022, de 106’8 millóns de euros, serán motor da recuperación económica e social e impulso da cidade verde”
  • Lara Méndez: “Os orzamentos de 2022, de 106’8 millóns de euros, serán motor da recuperación económica e social e impulso da cidade verde”

Noticias relacionadas