Lara Méndez habilitará ao redor de medio cento de prazas de estacionamento gratuíto na traseira da Capela do Carme

A alcaldesa asinará proximamente coa Diocese un novo convenio, xestionado pola área de Gobernanza, para o aproveitamento dos terreos.

“Continuamos avanzando na posta en valor deste barrio e, ao mesmo tempo, incrementando dotacións e servizos que sabemos son moi estimados pola veciñanza”, afirmou a rexedora.

Dentro da parcela, de 1.106 m², existe un pradairo centenario que o Concello protexerá e conservará no seu emprazamento orixinal.

Méndez está estudando a cesión da parcela lindeira para incrementar as dimensións e a capacidade do recinto que se duplicaría.

Estas prazas se suman ás 165 que se crearán no Fogar de Santa María coa reforma das instalacións, froito do acordo acadado co presidente da Deputación Provincial.

A actuación complementa a humanización prevista para a contorna e as accións que se desenvolven ao abeiro da Estratexia DUSI como a rexeneración do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX, a creación do Coliving artístico ou a musealización da Cloaca.

Mércores, 22 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez habilitará ao redor de medio cento de prazas de estacionamento gratuíto na traseira da Capela do Carme

Continuar avanzando na posta en valor do barrio do Carme pero tamén ampliando as dotacións públicas ao servizo da cidadanía. Con ese dobre obxectivo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, habilitará en torno a 40 novas prazas de estacionamento na parte traseira da Capela.

A actuación realízase ao abeiro dun novo convenio, xestionado pola área de Gobernanza que dirixe Paula Alvarellos, que a rexedora asinará proximamente coa Diocese de Lugo e a través do cal, a Confraría da Virxe do Carme, que ten vinculada a súa actividade a estes terreos, cederá gratuitamente ao Concello - por un prazo de catro anos, ampliable a outro máis – o aproveitamento da parcela situada na rúa Poeta Noriega Varela.

“É sen dúbida unha colaboración moi importante que nos permitirá proxectar novas e mellores infraestruturas que redundarán na habitabilidade e humanización da zona, pero tamén na prestación de servizos de utilidade para o conxunto da veciñanza, nun espazo moi próximo ao Centro Histórico no que este tipo de recursos son, ademais, moi estimados”, sinalou Méndez.

A alcaldesa subliñou que a superficie, de 1.106 m², posibilitará a creación de arredor de medio cento de prazas de estacionamento. “Toda vez que o Convenio se formalice procederemos a licitar o seu acondicionamento no que teremos en conta a protección e conservación do pradairo centenario que existe no predio”, afirmou.

Lara Méndez avanzou, así mesmo, que tamén está estudando a cesión da parcela lindeira “coa vontade de incrementar as dimensións do recinto e, por suposto, tamén a capacidade do aparcadoiro previsto, que se duplicaría”.

Nese sentido, a rexedora lembrou, alén, a próxima posta a disposición doutras 165 prazas máis no Fogar de Santa María que posibilitará a inminente reforma destas instalacións, froito do acordo acadado co presidente da Deputación Provincial.

O Carme, en proceso de rexeneración

Este será o segundo convenio que a alcaldesa de Lugo asina coa Diocese para executar actuacións no Carme, logo de formalizar en 2022 a concesión dunha subvención municipal de 70.000 euros que se destinou ao arranxo das deficiencias que afectaban ao illamento e ao tellado da Capela e que comprometían a conservación dos bens dos séculos XVIII e XIX que o templo atesoura no seu interior.

Lara Méndez destacou a importancia que terá cada unha destas obras para a contorna, “na que, non podemos esquecer, se concentra un significativo valor patrimonial e histórico da cidade”.

A rexedora deixou manifesto, unha vez máis, o compromiso do seu Executivo por impulsar a rexeneración da zona para o que aludiu á futura peonalización e humanización proxectada para a rúa e o xardín do Carme.

“Unha iniciativa que abarca tres quilómetros e que axudará a revalorizar o barrio e a incentivar tamén a rehabilitación dos edificios, coa que se ampliarán os espazos verdes e o arboredo e se mellorará a iluminación, atendendo a criterios de embelecemento e de seguridade vinculada coa perspectiva de xénero”, lembrou Méndez, ao tempo que recordou, igualmente, outras accións, vinculadas coa Estratexia Dusi Muramiñae a través da cal, o Goberno local mellorou o Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX - incrementando a conectividade da trama urbana coa contorna fluvial dunha forma sostible e respectuosa - ou mesmo está a musealizar as Cloacas e a crear o primeiro Coliving artístico de España.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os estacionamentos gratuítos en O Carme | Descargar mp3

Noticias relacionadas