A rexedora asistiu hoxe ao acto de recepción e puxo en valor o avance en materia de igualdade que supón para esta institución o ingreso dunha nova muller no seu plenario.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu esta mañá ao acto de ingreso de Ana Goy Diz como academia numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes.
Unha cerimonia que tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Humanidades e na que a catedrática e investigadora leu o seu discurso 'Ribeira Sacra: a construción dunha paisaxe cultural' que a propia directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade puido elaborar a través de diferentes contratos de investigación asinados coa USC e que concordaba tematicamente coas liñas estratéxicas do Campus Terra.
A rexedora aproveitou o acto para trasladarlle os parabéns polo seu ingreso e puxo en valor o feito de que sexa unha das poucas académicas mulleres que hai actualmente entre as medallas da Academia que, dende a súa fundación, en 1849, conta aínda cunha baixa representación feminina dentro do seu plenario.