Lara Méndez eloxia “a oferta gastronómica lucense e os profesionais da restauración” logo de conseguir dúas distincións El Plato Michelin

A rexedora mantivo un encontro cos responsables do Paprica e Os Cachivaches, que veñen de acadar esta distinción na publicación gastronómica de referencia en España. No acto tamén participou Cheché Real e José Manuel Cela, da APEHL

Lara Méndez: “Non me cabe dúbida de que en próximas edicións serán máis os restaurantes lucenses que consigan figurar na mencionada guía e, de seguro, pronto contaremos cunha estrela Michelin no noso municipio”

Luns, 04 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez eloxia “a oferta gastronómica lucense e os profesionais da restauración” logo de conseguir dúas distincións El Plato Michelin

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este luns no Concello aos hostaleiros lucenses Álvaro Villasante, do restaurante Paprica, e Alejandro e Armando Méndez, da arrocería Os Cachivaches. Ambos locais figuran na Guía Michelin España e Portugal 2021, e comparten a distinción El plato Michelin, que identifica "unha cociña de calidade". Na recepción participaron tamén o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL), Cheché Real, e o vicepresidente, José Manuel Cela.

Lara Méndez subliñou que “queremos facer un especial recoñecemento á restauración en Lugo, un sector que está a atravesar un momento moi delicado, debido ás diferentes restriccións acordadas para conter a pandemia, pero que, non me cabe dúbida, logrará sobrepoñerse, e saír reforzado desta crise”.

“En Lugo temos o privilexio de contar cunha ampla oferta gastronómica dunha elevadísima calidade, así como duns profesionais de alto nivel. Proba disto é a distinción que vén de obter o restaurante Paprica e a arrocería Os Cachivaches como Plato Michelín. Non me cabe dúbida de que en próximas edicións serán máis os restaurantes lucenses que consigan figurar na mencionada Guía e, de seguro, pronto contaremos cunha estrela Michelin no noso municipio”, apuntou a rexedora.

Lara Méndez felicitou aos hostaleiros polo recoñecemento acadado na publicación gastronómica de referencia no país e animounos a seguir esforzándose para alcanzar novas metas. Desde a súa apertura no 2007, o restaurante Paprica conseguiu xa varios recoñecementos, entre os que destacan a Q de Calidade Turística e a mención que renovan anualmente na Guía  Michelín. Pola sua parte, Os Cachivaches abriu no ano 2009, en plena crise, co fin de ocupar un nicho de mercado vacío, por iso optaron por unha arrocería e foi medrando co paso do tempo, ata converterse nun restaurante de referencia na cidade.

Platos Michelin na provincia de Lugo

A provincia de Lugo conta con cinco restaurantes recoñecidos coa distinción de El plato Michelin: Mesón do Campo (Vilalba); Asador Coto Real (Rábade); Nito (Viveiro); Paprica (Lugo) e Os Cachivaches (Lugo), que entra nesta lista por primeira vez.

Noticias relacionadas