A rexedora destaca no mesmo que os pequenos superaron “con excelencia e sempre cun sorriso todos os desafíos” da Covid, “dándonos unha lección de madurez e solidariedade”.
O diploma, co que a Cidade de Lugo agradece o comportamento dos nenos, vai incluído na carta aos Magos. Remitiuse aos centros educativos e poderá recollerse na Casa Consistorial.
O Concello prepara, ademais, unha programación especial infantil durante o Nadal, entre o que destaca un concurso de debuxo con motivo do 150 aniversario da Ponte da Chanca
No programa colabora unha das atraccións do feiral de San Froilán, que doou 3.000 euros.

A alcaldesa Lugo, Lara Méndez, concederá un certificado de bo comportamento a todos os nenos e nenas en nome da Cidade de Lugo e en agradecemento á súa colaboración e ao esforzo que realizaron para adaptarse as restricións sanitarias e sociais da pandemia, “dándonos unha lección de madurez e solidariedade en todo momento e sendo un exemplo a seguir”, apuntou a rexedora.
Neste certificado, a rexedora especifica que os pequenos se comportaron como auténticos heroes, e demostraron unha responsabilidade e unha comprensión extraordinaria”, entendendo a gravidade da situación e “levando a máscara sen protestar, sempre coas mans limpas, ideando outros modos de xogar cos seus compañeiros e compañeiras, incluso na distancia, e reinventando os afectos e creando novas mostras de cariño para os seus familiares e amigos”.
O diploma, incluído xa nas cartas do Reis Magos, “quere ser un aval para que as autoridades competentes, os Reis Magos, accedan, na medida do posible, aos desexos dos nenos.
O Concello de Lugo enviou a todos os centros de educación infantil e primaria de Lugo este certificado, que tamén se poderá recoller na Casa Consistorial desde o luns, de 09.00 h a 20.00 h
Lara Méndez tamén anunciou unha programación infantil especial durante as datas de Nadal, con obradoiros, xogos e concursos. As actividades terán lugar na Praza Maior o 27, 28, 29 e 30 de decembro e 3, 4 e 7 de xaneiro, días nos que se instalará unha casiña inchable de Nadal, onde os nenos serán recibidos por elfos reais, aos que poderán entregar as súas cartas para os Reis Magos.
O 28 de decembro, entre as 16.30h e as 19.30h, a Praza Maior acollerá a celebración dun fin de ano moi especial, con cotillón, música, festa, bailes e como colofón final as 12 uvas, para celebrar o auténtico Nadal.
Complementará os obradoiros, con motivo da celebración dos 150 anos do inicio da construción do Viaduto de A Chanca, un concurso de deseño de postais ca finalidade de poñer en valor a transcendencia que tivo para a cidade a creación desta dotación. Unha vez finalizado o Nadal, un xurado experto elixirá as 3 postais de Nadal gañadoras
Neste sentido, a alcaldesa de Lugo destacou que o esforzo colectivo da os seus froitos, pero non hai que baixar a garda e continuar a ser un exemplo a seguir tanto maiores coma cativos ao tempo que desexou unhas felices festas de Nadal a todos os veciños e veciñas de Lugo.