Izal, M-Clan, Amaral e Dorian, entre outros artistas, actuarán nas Noites de Caudal Fest, un ciclo de concertos seguros e de aforo reducido

A 3ª edición da cita musical celebrarase do 3 ao 20 de setembro na Praza de Augas Férreas e no recinto do Auditorio Gustavo Freire, con actuacións e pago e gratuítas, para un máximo de 800 persoas e con estritas medidas de protección

Lara Méndez: “Queremos ofrecer aos cidadáns unha programación musical e cultural de calidade, con todas as garantías de seguridade, convencidos da importancia e repercusión mediática que xera este evento para a cidade”

Ana Guerra, Hard GZ, Maialen, Baiuca, Ortiga, Holywater e David Prado completan o cartel, que contará, como novidade, co humor da monologuista Martita de Graná

Venres, 07 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Izal, M-Clan, Amaral e Dorian, entre outros artistas, actuarán nas Noites de Caudal Fest, un ciclo de concertos seguros e de aforo reducido

Izal, M-Clan, Amaral e Dorian serán os cabezas de cartel da terceira edición do festival urbano por excelencia de Lugo, que neste ano reinvéntase para cumprir cos protocolos satinatarios. A alcaldesa, Lara Méndez, acompañada do director do evento, Iván Méndez, presentaron este venres as Noites de Caudal Fest, un ciclo de concertos seguros e de aforo reducido, que terá lugar do 3 ao 20 de setembro, e que contará con actuacións gratuítas e humorísticas.

 A rexedora explicou que “logo das dúas exitosas primeiras edicións nas que milleiros de persoas se achegaron a Lugo para gozar da última gran festa do verán, este ano o Caudal Fest reinvéntase para cumplir coas esixencias sanitarias marcadas pola pandemia. Dende o Concello non quixemos deixar pasar a oportunidade de promocionar a imaxe de Lugo, adaptándonos para elo ao contexto actual, apostando por un formato máis reducido para cumprir cos protocolos sanitarios, pero, ao mesmo tempo, mantendo vivo o espírito do festival e axudando, ao mesmo tempo, á industria cultural, que está a ser das máis afectadas pola crise sanitaria”.

En total, serán 12 actuacións de artistas nacionais e galegos que contarán cun aforo máximo de 800 persoas, distribuidas en formato teatro con sillas, e cun espazo de 3 metros cadrados por persoa garantizando a distancia mínima de 1,5 metros entre cada asistente. Os escenarios estarán ubicados en dúas localizacións da cidade: a Praza de Augas Férreas e o recinto do Auditorio Municipal Gustavo Freire. O acceso do público realizarase por fases, controlando a temperatura dos asistentes no momento que realicen a cola e os asentos serán asignados previamente.

Lara Méndez destacou que “será o ciclo musical máis exclusivo de toda Galicia, con datas únicas dos artistas máis importantes do panorama actual, durante a fin do verán”. Neste senso incidiu na “calidade e variedade do cartel, para todos os estilos e públicos”, e o feito de que artistas como Izal ou Dorian “ofrecerán na nosa cidade os seus únicos concertos en Galicia”. Así mesmo subliñou a aposta polos artistas locais “pois tamén nos acompañarán David Prado e Holywater, cuxos concertos serán de balde para disfrute da veciñanza”.

“Neste atípico 2020 queremos ofrecer aos cidadáns unha programación musical e cultural de calidade, con todas as garantías de seguridade, convencidos da importancia e repercusión mediática que xera este evento para a cidade, pois xa se atopa consagrado no calendario de citas musicais a nivel nacional. Aínda que o concepto varíe con respecto aos pasados anos, estamos seguros de que será un novo éxito mentres agardamos poder retomar a ansiada normalidade na vindeira edición do Caudal”, engadiu a alcaldesa.

Medidas de seguridade

As Noites de Caudal Fest contarán con estritas medidas de seguridade e prevención fronte á COVID-19 entre as que se atopan as seguintes:uso obrigatorio de mascarilla; entradas nominativas; circulación organizada e sinalizada en todo o recinto; carrís separados de acceso e saída; control da distancia de seguridade; tickets e control dixital (sen contacto); puntos de desinfección de mans; amplos espazos para garantir distanciamento social; asistentes para a organización do público; desinfección continua de barras, baños e zonas de traballadores e público; e acceso con 1h30m de antelación.

Cartel variado e de calidade

Pola súa parte, David Méndez agradeceu a colaboración do Concello “nun momento tan complicado para o ámbito cultural e musical”, e deu a coñecer un por un os artistas e grupos que compoñen o cartel deste ano do Caudal Fest:

Dentro da programación haberá 12 actuacións moi especiais, cos artistas máis importantes da escena nacional e galega. Izal volverán á cidade para realizar a súa única data en Galicia dentro da súa “Pequeña gran gira” con formato reducido deste ano, sendo un dos principais atractivos do cartel e que esgotaron tódalas demais datas en España en cuestión de horas.

Outro dos grupos de pop máis importantes nacionais, Amaral, actuarán dentro da súa xira estival como “Eva y Juan, conciertos acústicos”. O indie rock de Dorian visitará Lugo para o seu único concerto en Galicia e tamén estarán connosco os sempre carismáticos M-Clan coa voz do gran Carlos Tarque á fronte.

A sensación do pop Ana Guerra tamén fará acto de presencia na cidade e xunto con Chica Sobresalto (Maialen) atraerán aos fans destas dúas artistas tras o seu paso por Operación Triunfo.

Polo seu lado e dentro dos estilos urbáns teremos a un dos mellores rapeiros galegos, Hard GZ, quen abrirá a programación o xoves 3 de setembro. Como novedade, a humorista Martita de Graná, tras ser unha das revelacións dos últimos meses e esgotar as entradas de todas as súas actuacións deste verán, fará parada en Lugo para facer un dos monólogos máis actuais e divertidos do momento.

Os artistas galegos e lucenses tamén serán protagonistas do ciclo, como non podería ser doutra maneira. Por un lado teremos a Baiuca, o proxecto de Alejandro Guillán que mestura a música tradicional galega coa electrónica, unha das sensacións do panorama musical dos últimos tempos. Ortiga e a súa cumbia electrónica en galego tamén fará as delicias dos fans das verbenas, pechando unha das fins de semana de concertos da mellor maneira posible.

O local David Prado actuará en formato trío diante dos seus e os tamén lucenses Holywater pecharán a programación deste ciclo cun concerto cheo de calidade.

Entradas

As entradas poñeranse á venda na web www.caudalfest.es o vindeiro luns 10 de agosto ás 12:00 do mediodía. Para cada actuación permitirase seleccionar asentos que serán unipersoais e intransferibles. O prezo dos tíckets irá dende os 12 aos 35 euros, máis gastos de xestión.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre as noites do Caudal Fest| Descargar mp3
  • O director do festival, Iván Méndez, sobre as noites do Caudal Fest | Descargar mp3

Noticias relacionadas