Iria Buide visita os campamentos de verán do Vello Cárcere

Buide: "Queremos ofertar unha alternativa para a conciliación na que as nenas e nenos aprendan con actividades diversas adaptadas ás distintas instalacións municipais"

O Concello de Lugo oferta distintas actividades nos meses de xullo e agosto nas dúas Casas das Linguas, no MIHL e no Vello Cárcere

Martes, 15 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Iria Buide visita os campamentos de verán do Vello Cárcere

A concelleira de Educación, Iria Buide, visitou esta mañá o campamento de verán do Vello Cárcere, unha das propostas máis consolidadas da programación estival do Concello de Lugo. Durante a visita, puido coñecer de primeira man as actividades que están a desenvolver as nenas e nenos participantes, así como falar co equipo educativo encargado da súa dinamización.

“Queremos que Lugo sexa unha cidade que coide das familias durante todo o ano, tamén no verán. O Vello Cárcere convértese nestes meses nun espazo vivo, cheo de aprendizaxe, xogo e valores”, destacou Iria Buide.

O campamento do Vello Cárcere está dirixido a nenas e nenos empadroados/as no Concello de Lugo, nados/as entre os anos 2013 e 2021, con quendas bisemanais que se estenden dende o 30 de xuño ata o 5 de setembro. Cada quenda conta cun máximo de 20 participantes, e as actividades desenvólvense entre as 10:15 e as 13:45 horas, con marxes de chegada (10:00–10:15) e recollida (13:45–14:00) pensadas para facilitar a conciliación.

Iria Buide explicou que as actividades “teñen un forte contido artístico, lúdico e educativo, cunha programación variada que inclúe temáticas como a reciclaxe, a promoción da lingua galega ou o traballo en valores sociais, combinadas con espazos de xogo libre”.

Ademais do Vello Cárcere, o Concello ofrece outras opcións estivais como os campamentos da Casa das Linguas (nas instalacións de Estrada da Granxa e María Balteira), cunha nova quenda do 23 de agosto ao 5 de setembro para crianzas nadas entre 2015 e 2021, e un horario de 9:30 a 13:30 (flexible de 9:00 a 14:00 para facilitar a conciliación). As inscricións poderán realizarse a partir do 18 de agosto, enviando a solicitude por correo electrónico á Casa das Linguas desexada. As prazas concédense por orde de inscrición e só se pode escoller un centro.

Tamén continúa a actividade no MIHL, cun formato de campamentos por semanas entre o 30 de xuño e o 5 de setembro, dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, con grupos de 15 participantes e horario de 9:15 a 13:45 horas.

“A oferta municipal de verán é ampla, diversa e gratuíta, pensada para garantir espazos seguros onde as crianzas poidan xogar, convivir e aprender. O campamento do Vello Cárcere é un exemplo perfecto de como aproveitar o noso patrimonio para crear experiencias educativas de calidade”, concluíu Buide.

Audio

  • Iria Buide, sobre os campamentos de verán do Vello Cárcere | Descargar mp3

Multimedia

  • Iria Buide visita os campamentos de verán do Vello Cárcere

Noticias relacionadas