Inaugúrase a exposición da Escola Obradoiro A Memoria da cidade

Venres, 02 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A mostra pódese visitar no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, destacou o labor a prol da conservación e difusión do patrimonio documental de Lugo que fixeron os alumnos da Escola Obradoiro A Memoria da Cidade.
Sonia Méndez inaugurou esta mañá no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra unha exposición que é o resultado do traballo que fixeron durante ano e medio os alumnos da Escola Obradoiro. No acto tamén participou a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, entre outros membros da corporación, que foron os encargados de facer a entrega de diplomas ós alumnos.
A Escola Obradoiro serviu para formar a persoas desempregadas “en profesións de futuro” como a restauración de materiais, a xestión documental e a dixitalización, segundo destacou a Concelleira de Economía.
No tempo que durou a súa formación, 33 alumnos traballaron para a dixitalización e restauración do patrimonio documental de parte do fondo do Arquivo Municipal de Lugo.
Os obxectivos do obradoiro incluíron a revisión do inventario do Arquivo Municipal, continuando co tratamento documental aplicado co obxectivo de acadar a posta en valor do patrimonio documental da cidade. Así mesmo, promover a utilización das novas tecnoloxías para a xestión documental e difundir o acceso electrónico dos cidadáns ao patrimonio histórico da cidade.
A Escola Obradoiro A Memoria da Cidade promovida polo Concello de Lugo coa subvención da Consellería de Traballo, iniciou as súas actividades o 17 de decembro de 2008. O seu obxectivo principal foi que durante os seus dezaoito meses de funcionamento, os traballadores e traballadoras adquiriran a formación e destrezas profesionais necesarias para acceder ao mercado laboral coas suficientes garantías de atopar un posto de traballo por conta propia ou allea.
As especialidades formativas impartidas son as de Imaxe Dixital, con dez alumnos participantes; Restauración do Patrimonio Documental, con oito alumnos; e Xestión Documental, con quince alumnos traballadores.
Funcións
Na especialidade de Xestión Documental procedeuse á revisión do inventario do arquivo municipal co fin de actualizalo. Desenvolveuse un traballo de descrición documental a nivel de inventario e catálogo (coa introdución de novos rexistros descritivos na aplicación informática do arquivo segundo as normas internacionais de descrición ISAD (G), co obxectivo de posibilitar a súa consulta en Internet, para aqueles documentos de libre acceso.
O volume da documentación traballada foi de 5.807 espedientes.
Organizáouse e describiuse fondo fotográfico do arquivo municipal composto fundamentalmente pola colección fotográfica Delgado Guisasola. Son máis de 3.300 fotografías que abarcan desde a última década do século XIX hasta mediados do século XX, polo que conta cun gran valor histórico.
A especialidade de Imaxe Dixital contribuiu a acadar no Concello de Lugo un programa de reprografía de seguridade para documentos de alto valor histórico, empezando coa posta en marcha dun programa de difusión vía Internet daquel patrimonio documental municipal que sexa moi significativo, actas capitulares do Concello de Lugo dos séculos XVI ao XX por exemplo; e por outra banda, axudando á difusión e posta en valor da sección fotográfica do arquivo municipal a través da súa dixitalización. Dixitalización que permitirá acadar non só a posta en valor do patrimonio documental do arquivo municipal do Concello de Lugo, senón que contribuirá dun xeito decisivo a favorecer a súa conservación e preservación de cara as xeracións futuras.
O volume total de dixitalizacións realizadas polo alumnado foi o seguinte: Libros de actas: 41.753, expedientes de cemiterio: 9.107, cartografía: 133, padróns municipais 1.600 e fotografías:4.455; dun total de unidades documentais de 3.889.
Na especialidade de Restauración do Patrimonio Documental leváronse a cabo aqueles tratamentos que se consideraron máis pertinentes de cara a asegurar a conservación e a preservación daqueles documentos de alto valor histórico. A realización de unidades de instalación, caixas e sobres de arquivo, que sexan precisas para garantir a preservación dos diferentes documentos en función do seu formato e soporte específico, a análise das características e factores de degradación que inciden no patrimonio documental, especialmente no documento gráfico, co fin de valorar que proceso ou criterio de restauración é o máis convinte en función do estado de conservación de cada documento en particular.
Desenvolveuse un traballo de ánalise e diagnose do estado dos documentos de alto valor histórico do arquivo do Concello co obxectuvo de garantir a súa conservación.
Unha vez finalizada a escola os resultados pordense calificar como satisfatorios xa que se cumpriron os obxectivos platexados ao comezo do obradoiro.
O traballo realizado será moi beneficioso para o Concello polo que representa a favor das políticas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural da cidade e como experiencia na realización de traballos de dixitalización documental para promover a súa difusión a través das novas tecnoloxías.
A colección de fotografías dixitalizadas poderase ver na páxina web do Concello www.lugo.es.

Multimedia

Noticias relacionadas