Ana González Abelleira presentou este venres as bases do concurso de deseño gráfico e do VI Certame de fotografía Revelando o Machismo, que convoca o Concello para difundir a importancia de acabar coa violencia de xénero
Todos os interesados en participar en ambos concursos poden entregar os seus traballos ata 14 e o 28 de outubro, respectivamente, na Casa da Muller

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Benestar Social, Ana González Abelleira, presentou este venres as bases que rexerán unha edición máis do concurso de deseño gráfico contra a violencia de xénero e o VI Certame de fotografía Revelando o machismo, que convoca o Concello para loitar pola igualdade real entre mulleres e homes e para difundir a importancia de acabar coa violencia de xénero, que provoca 43 mulleres feridas ao día e que no que vai de ano acabou con 21 mulleres.
Durante o acto de presentación, a Concelleira subliñou a importancia destes certames “para premiar as persoas que traballan en prol da igualdade e para sensibilizar á cidadanía neste eido, tan importante para eliminar as condutas machistas e para que a sociedade se reforce en igualdade”.
Nestes concursos poderán concorrer cantos autores e autoras o desexen. No caso do de deseño gráfico, os traballos serán de tamaño e técnica libre, que deberán ser presentados en soporte ríxido que facilite a súa posible exposición. Será requisito indispensable que figure o logotipo do Concello e o logotipo da Casa da Muller. O deseño gañador deste concurso, será o cartel anunciador das actividades do Concello do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Por outra banda, no certame de fotografía, as fotos terán un tamaño de 20x30 centímetros como mínimo e 40x50 centímetros como máximo. Presentaranse sobre cartolina branca ou cartón ríxido de 50x70 centímetros, cuxo grosor non exceda de 1,5 centímetros. Admitiranse traballos tanto en branco e negro coma en cor.
Os traballos deberán ser presentados de maneira anónima e baixo lema, e nun sobre adxunto, pechado e baixo o mesmo lema, inidicarase os datos persoais do participante.
As fotografías e deseños serán enviados á Casa da Muller, situada no Parque da Milagrosa, na Avenida da Coruña, 212, ata o 14 de outubro e 28 de outubro, respectivamente. O primeiro premio para ambos concursos é de 600 euros.
Máis información en www.lugo.gal, na Casa da Muller, no teléfono 982-29-74-12 e no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org
Máis info
- Bases do concurso de deseño gráfico Contra a violencia de xénero | Descargar PDF
- Bases do VI Certame de fotografía Revelando o machismo | Descargar PDF
Audio
- Ana González Abelleira, Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Benestar Social | Descargar mp3