A fonte do barrio de Galegos estrea nova imaxe tras a súa restauración

Xoves, 21 de febreiro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Delegado Provincial de Medioambiente, Eduardo Vidal Baamonde, o Concelleiro de Medioambiente, Lino González-Dopeso, o Concelleiro de Infraestruturas, Fernando Piñeiro, e a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, visitaron a fonte do barrio de Galegos xunto a veciños da zona tras o remate das obras de restauración que se acometeron nos pasados dous meses.

Esta intervención foi realizada pola Consellería de Mediambiente a instancias do Concello de Lugo que solicitou a súa colaboración económica tras detectar o deterioro que sofría esta pila municipal. Para a súa recuperación levaronse a cabo distintas obras de reforma e de acondicionamento, coas que se pón en valor esta fonte, que foi construída no ano 1944 e que dende entón convertiuse nun espazo emblemático no barrio.

O Alcalde de Lugo e o Delegado Provincial de Medioambiente coincidiron en destacar a importancia deste tipo de iniciativas, pois son obras de pequenos presupostos, pero que constitúen contribucións notables á mellora das condicións de habitabilidade do barrio, pois da servizo a máis de douscentos veciños.

López Orozco manifestou que “esta obra non só recupera unha peza senlleira do barrio de Galegos, senon que serve para por en valor un dos elementos característicos da nosa cultura como son as fontes e apostar pola protección do medioambiente coa conservación dos nosos manantiais”.

Este proxecto contou cun orzamento de 11.954,25 euros, que se destinaron ao acondicionamento do contorno da fonte (instaláronse barandas metálicas e solo de pedra); e, para diversas obras de reparación en zonas deterioradas e de embelecemento do fronte da pila, que foi recuberto con granito e pizarra, ademais de cambiar os antigos caños de ferro por outros máis decorativos en pedra.

O Concelleiro de Medioambiente anunciou que a restauración completarase proximamente coa instalación de bancos e dunha mesa no contorno da fonte para que os veciños atopen un lugar de reunión e de esparcemento.

Noticias relacionadas