Expropiar a parcela edificable do Parque custaría tanto como a construción da nova ponte e o Museo Interactivo xuntos

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Expropiar ó propietario da parcela edificable nas costas do Parque costaríalle ós petos dos lucenses 19.646.780 euros, é dicir, máis de tres mil millóns das antigas pesetas. "Custaría como facer xuntos a nova ponte sobre o río Miño e o Museo Interactivo da Historia de Lugo", explicou o voceiro municipal, José Ramón Gómez Besteiro, con documentos oficiais na man. Besteiro lembrou que o Partido Popular foi quen aprobou construír nas costas e que agora denegarllo ó propietario, ademais de prevaricación, suporía unha cifra millonaria que non poden asumir as arcas municipais.

O proxecto de equidistribución aprobado sen alegacións no ano 2005 -polo tanto un documento oficial e sólido- sinala que esa parcela ten un valor de 19.646.780 euros, é dicir, 3.268.000 millóns de pesetas. E iso que o actual equipo de goberno reduciu a edificabilidade nun 25% e renunciou ó seu aproveitamento urbanístico para minimizar no posible a construción.

"A realidade é que o Partido Popular lle deu edificabilidade a esa parcela. E por iso e por outros motivos, os socialistas no ano 90 lle dixeron NON a aquel Plan Xeral. As responsabilidades están clarísimas", afirmou Besteiro.

O PP aprobou construír
Coas actas na man, José Ramón Gómez Besteiro demostrou publicamente que o 16 de novembro do ano 1990 un total de 19 votos a favor do Partido Popular, grupo mixto e grupos de coalición progresista galega votaron a favor do Plan Xeral e da construción nas costas do Parque. Entón só houbo 6 votos en contra: "os do Partido Socialista", dixo.

Nese momento ese solo obtivo alta edificabilidade e na corrección de erros que houbo no ano 1992 tampouco o Partido Popular, entón gobernante, enmendou esta grave decisión.

Polo tanto, hoxe a Xunta de Goberno Local tivo que aprobar o proxecto de urbanización, que non tivo ningunha alegación, e suma 450.037 euros.

"Nós non queremos que se constrúa alí", reiterou o voceiro do equipo de goberno. É máis, "o Concello tentou negociar desde sempre cos propietarios para trasladar a edificabilidade a outra parte pero non é posible. O propietario di que non fixo o Plan Xeral do 91, que comprou unha superficie edificable e que non está cometendo ningún delito".

Noticias relacionadas