A exposición “Domingo de Andrade: Xenio e oficio” recolle a pegada do artista no patrimonio arquitectónico de Lugo

Lara Méndez participou na presentación da mostra que recolle a obra do autor, entre a que destacan as intervencións na Catedral e no Convento das Dominicas na cidade lucense

A exposición itinerante inaugurouse en Santiago de Compostela, pasou por Tui e Ourense, e remata o seu percorrido en Lugo, onde se poderá contemplar ata o 5 de novembro

Venres, 16 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A exposición “Domingo de Andrade: Xenio e oficio” recolle a pegada do artista no patrimonio arquitectónico de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu esta mañá á presentación da exposición itinerante “Domingo de Andrade: Xenio e oficio”, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a cal consta de 24 paneis onde se mostra, con imaxes fotográficas, planos e textos, a súa longa traxectoria de obras e proxectos por distintas localidades galegas.

Á mesma acudiron tamén, José Tomé, presidente da Deputación Provincial; Carmen Figueiras, presidenta da delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Ana Goy, académica da Real Academia Galega de Belas Artes; e María José Gómez, xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Lugo; entre outras autoridades.

A alcaldesa lembrou a pegada de Domingo de Andrade en Lugo, cas intervencións na Catedral, na sala capitular e na sancristía e tamén no Convento das Dominicas, de onde saíu o retablo de Tirimol, “é un orgullo para min presumir de que unha igrexa parroquial do rural lucense teña a honra de contar cun conxunto de retablos do mestre da catedral de Santiago” destacou a rexedora.

A mostra inaugurouse en Santiago de Compostela, pasou por Tui e Ourense, e remata o seu percorrido en Lugo, onde se poderá contemplar ata o vindeiro 5 de novembro. Os seus autores son os arquitectos e académicos numerarios da sección de Arquitectura da Real Academia Galega de Belas Artes: José Ramón Soraluce Blond, Ramón Yzquierdo Perrín, Ana Goy Perrín e Estefanía López Salas.

Multimedia

  • A exposición “Domingo de Andrade: Xenio e oficio” recolle a pegada do artista no patrimonio arquitectónico de Lugo

Noticias relacionadas