Este venres remata o prazo de presentación dos traballos para o VI Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais

Todos os interesados en participar poden entregar os seus traballos ata as 13:00 horas do 20 de maio na Casa da Muller, situada no Parque da Milagrosa

Luns, 16 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello mantén aberto ata este venres, 20 de maio, o prazo de presentación dos traballos para o VI Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais, que convoca a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, que dirixe Ana González Abelleira, para difundir a importancia de acabar coa violencia de xénero e o machismo.

Neste concurso poderán participar mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Os traballos serán inéditos, escritos en lingua galega. O tema será libre, basada en calquera aspecto relacionado coa igualdade entre mulleres e homes: o reparto das tarefas do fogar, o coidado das persoas ou o acceso ao traballo, entre outros. A extensión máxima será de cinco folios e deberase presentar por triplicado nun sobre co texto VI Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais, sen remite e baixo un lema, e noutro sobre, co mesmo lema, os datos persoais do participante, que poderán presentar ata un máximo de tres traballos.

As narracións serán enviadas á Casa da Muller, situada no Parque da Milagrosa, na Avenida da Coruña, 212, ata as 13:00 horas do día 20 de maio de 2016.

Establécense dúas categorías, de 12 a 14 anos, e de 15 a 18 anos, e tres premios para cada categoría, consistentes nun diploma e premios de entre 60 e 250 euros. A decisión do xurado farase pública no mes de xuño.

Máis información en www.lugo.gal, na Casa da Muller, no teléfono 982-29-74-12 e no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org.

Noticias relacionadas